Moeche completou nos últimos días os procesos de selección para a cobertura de tres postos de traballo de carácter temporal, cos que se reforzarán distintos servizos municipais. Seguindo as bases de cada procedemento, o Concello acaba de contratar  unha auxiliar administrativa con cargo ao POS Social 2021 da Deputación da Coruña, un peón forestal dentro do APROL Rural e, por último,  un técnico que atenderá o Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña, neste caso con financiamento da Deputación da Coruña.

No caso da auxiliar administrativa  trátase dun contrato por acumulación de tarefas para un período de 6 meses a xornada completa. Desempeñará as funcións propias do posto reforzando o labor da área de Servizos Sociais en coordinación co persoal das oficinas de xestión e rexistro. Este contrato forma parte do POS+ 2021 Adicional 1, coñecido como “POS Social”, habilitado pola Deputación da Coruña para incrementar os recursos municipais dispoñibles neste ámbito.
Alén deste contrato, a semana pasada tamén se uniu ao departamento de Servizos un peón forestal mediante a subvención do programa Aprol Rural da Xunta de Galicia. O contrato ten unha duración de 9 meses a xornada completa para o desenvolvemento de tarefas de roza e limpeza.
Por último, este mércores tamén se incorporou o técnico que atenderá o funcionamento diario do Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña situado no castelo de Moeche. O contrato ten unha duración inicial até o 31 de decembro, coas posibles prórrogas recollidas no regulamento da bolsa de emprego que se xerou no mesmo proceso de selección.