O Concello consegue de novo o financiamento necesario da Área de Turismo da Deputación da Coruña para a contratación temporal dun técnico de Turismo e así abrir ao público a Oficina de Turismo nesta tempada. Co obxectivo de dinamizar os atractivos turísticos do municipio e ofrecerlle a quen nos visite información sobre o territorio, esta nova contratación prolongarase durante un período de 6 meses e estará financiada coa subvención de 10.484,61€ euros da Deputación da Coruña
O contrato realízase para un período de 6 meses cunha xornada de 30 horas semanais. Os custos da contratación financiaranse con cargo á liña de subvencións convocada pola Deputación da Coruña para axudarlles aos municipios de menos de 50.000 habitantes na contratación de persoal de información turística. O importe total da achega provincial ascende a 10.484,61€ €.
Este posto de traballo súmase á contratación do técnico do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas a pasada semana -cando abríu as portas o Castelo de Moeche- tamén subvencionada pola Deputación da Coruña.
Para o procedemento de contratación, adaptado á recente normativa laboral, o Concello solicitoulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia que lle remitise unha listaxe de persoas candidatas que se axustasen ás características do posto definidas nas bases da convocataria como a titulación e a condición de demandantes de emprego.
As funcións que debe desempeñar a persoa contratada son as de atender en horario de mañá na Casa do Concello o público que requira de información turística sobre o territorio, mentres que polas tardes coordinará as tarefas co técnico do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiña, quen ofrece información sobre a fortaleza e sobre as revoltas irmandiñas.
Un dos eixos centrais do traballo do persoal técnico de Turismo será o desenvolvemento das accións de dinamización que se están a realizar no marco do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, ademais da atención ao público, preparación de contidos específicos para folletos ou para a web municipal ou a asistencia na planificación de rutas, a colaboración no deseño e elaboración de contidos para as seccións turísticas da web municipal e das redes sociais. facilitar información sobre o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas e doutros elementos dispoñibles na provincia.
A Oficina de Turismo abre as súas portas en horario de mañá na Casa do Concello de martes a venres, de 11 a 14 horas, mentres que polas tardes e os sábados prestará o seu servizo no castelo.
BOP Concesión definitiva axudas para contratación de persoal nas Oficinas de Turismo 2022
Últimos comentarios