Moeche benefíciase este ano dunha achega de 38.000 euros do Programa de Integración Laboral Reactiva da Deputación da Coruña. Unha contía que duplica os fondos asignados o ano pasado e que neste 2021 permitirá contratar con carácter temporal a tres persoas para desenvolver distintos labores relacionados co mantemento municipal, como por exemplo traballos de conservación e limpeza de espazos públicos ou pequenas obras. Ese é precisamente o obxecto do PIL, que lles ofrece aos municipios a posibilidade de reforzar durante certo tempo as súas brigadas de servizos con persoas en situación de desemprego, ao tempo que posibilita un mellor acceso ao mercado laboral de quen ten máis dificultade para atopar traballo, sobre todo agora en tempos de pandemia. Dentro deste programa o Concello contratará xa mesmo unha persoa para guiar no camión e noutra maquinaria municipal durante dez meses a xornada completa e, de cara ao inicio do verán, efectuaranse os procesos selectivos para outro perfil de condutor/a tractorista e un peón ou peoa de obras, en ambos casos para contratacións a xornada completa durante catro meses. O proceso de selección do persoal -xa efectuado no caso do contrato de 10 meses- faise partindo dos listados de aspirantes enviados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.
O primeiro proceso de selección –publicado na web o pasado 18 de febreiro- finalizou onte coa proposta de contratación dun condutor tractorista seleccionado entre as tres persoas candidatas remitidas polo Servizo Público de emprego. Empezará a traballar xa nestes días e entre as súas funcións estarán a de manexar o tractor municipal en rozas e outros labores, pero tamén guiar no camión do lixo ou da recollida de voluminosos. De acordo coa dispoñibilidade económica ofrecida polo PIL Reactiva -un programa que duplicou orzamento por mor da pandemia- poderase facer un contrato de 10 meses de duración a xornada completa.
Porén, a contía asignada pola Deputación ao Concello tamén permitirá facer outras dúas contratacións de cara ao verán -4 meses tamén a xornada completa- doutra persoa co mesmo perfil para a condución de camións e outra maquinaria e unha terceira que se ocupe de tarefas de mantemento e de apoio ao departamento de obras e servizos, coa categoría de peón ou peoa de obras.
O Concello iniciará o proceso selectivo cara a finais da primavera -publicarase tamén na web- e da mesma maneira: solicitándolle ao Servizo Público de Emprego de Galicia que envíe un listado de aspirantes que cumpran os requisitos en cada posto, polo que é fundamental ter ao día os currículums na oficina de emprego. Segundo recollen as bases, a partir de aí o tribunal valorará as circunstancias persoais e familiares -ata 4 puntos-, a formación relacionada co posto de traballo -ata 3 puntos-, a experiencia laboral -ata 2 puntos- e o feito de non ter participado en ningún programa de emprego provincial nos últimos dez anos -1 punto-.
Cómpre ter en conta que todas as persoas aspirantes deben axustarse aos requisitos do PIL Reactiva. O primeiro é estar en situación de desemprego e, ademais, atoparse en calquera das seguintes circunstancias de exclusión laboral: ser muller -polo diferencial de índice de desemprego superior ao dos homes-, ter máis de 45 anos, ser desempregado/a de longa duración, posuír unha discapacidade igual ou superior ao 33%, atoparse en situación de drogodependencia, vivir nun fogar monoparental ou onde ninguén teña emprego, ter dificultade para encontrar traballo por cuestións culturais ou idiomáticas, ser vítima de violencia de xénero ou ser unha persoa sen fogar.
Dentro do Programa de Integración Laboral, incluído no Plan de Emprego Local – PEL Reactiva, Moeche percibirá 38.000 euros, cos que sufragar os tres contratos previstos. Esta cantidade duplica a percibida o ano pasado co obxectivo de dotar os municipios de máis fondos para a recuperación e reactivación económica durante a pandemia. A Deputación xustifica este incremento económico en que o programa de emprego vai dirixido este ano á “prestación de servizos municipais relacionados ca loita e a mitigación dos efectos negativos provocados pola COVID19”.
Últimos comentarios