A área de Desenvolvemento local de Moeche está levando adiante un novidoso proxecto de promoción do comercio local co que se prevé converter parte da nave dos téxtiles da feira nun espazo para a venda de todo tipo de produtos locais, aínda que con preferencia polos alimentos frescos e transformados de calidade. A iniciativa ten unha parte de dinamización na que se quere implicar á hostalaría e aos produtores do municipio -e tamén de zonas limítrofes- e outra de investimento en obras de mellora e de dotación de equipamento. O obxectivo principal é habilitar un punto de venda estable máis aló das feiras do 11 e do 23 que, ademais, faga as veces de escaparate  agroalimentario e doutras actividades, con degustacións e mesmo actuacións culturais ao vivo. O montante global do proxecto ascende a 97.938,68€ financiados nun 61% cunha axuda da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia mentres que o 39% restante será sufragado polo Concello a través do PAI provincial.

O Concello convocou para este venres unha xuntanza coa produción agroalimentaria e a hostalaría do municipio coa finalidade de presentarlles en detalle un proxecto do que xa se lles leva falando algún tempo. A idea é preparar unha superficie duns 450 m² da nave dos téxtiles da feira como “espazo activo de emprendemento comercial”, é dicir, reservar un lugar preparado ao efecto no que teñan prioridade a aquelas iniciativas comerciais  vencelladas coa comercialización dos produtos locais.

Neste sentido o proxecto  prevé dotar o novo espazo cun equipamento composto por 24 mobles expositores móbiles, de maneira que poderán agruparse en distintas posicións para dar cabida a entre 8 e 12 puntos de venda. O lugar contará cunha zona de bar onde realizar todo tipo de degustacións e cun pequeno escenario que complemente a actividade comercial con música e outras propostas culturais.

O importe total das actuacións sufragadas pola Dirección Xeral de Comercio ascende a 59.899 €. A esta contía cómpre sumarlle outros 38.000 de achega municipal procedentes do Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña, co que tamén se financia a rehabilitación da totalidade da nave e o seu contorno adxudicada recentemente en 79.860€.

Tal e como sinalaba esta mañá a alcaldesa, Beatriz Bascoy, o proxecto comercial “busca crear un lugar de encontro e compra tanto para a poboación local como para  visitantes, no que  productores e vendedores da comarca teñan a oportunidade   de comercializar os seus productos nun espazo singular e atractivo”.

O Concello porá en marcha este novo punto de encontro comercial antes do remate do ano. “A produción e a comercialización da zona ten moito interese no proxecto. Na xuntanza de hoxe imos ultimar detalles con eles e elas e esperamos telo todo listo nos próximos días para empezar xa en decembro”, adiantou Bascoy. 

A rexedora local puntualiza que o espazo comercial “estará aberto tamén os días en que non haxa feira e de forma estable”, cunha periodicidade posiblemente semanal que se acordará na xuntanza cos vendedores e vendeoras convocada para este venres ás 16.00h.

A creación deste espazo activo de emprendemento comercial encádrase nun proxecto municipal máis ambicioso que busca a posta en valor do recinto feiral xunto cunha reactivación económica do sector primario baseada no comercio próximo de produtos de calidade.