O Plan de emerxencia ante a seca é un documento que recolle todos os recursos hídricos do territorio, como se xestionan, que zonas serían máis vulnerables a longos períodos sen chuvia, ademais dunha diagnose do sistema de abastecemento e tamén que alternativas tería o Concello -incluídas as obras que se terían que acometer- para subministrar auga no caso de que se desen situacións de escaseza. De cara á redacción do documento, o Concello solicita a máxima colaboración veciñal e por iso organizou encontros informativos nas cinco parroquias que se desenvolverán entre este luns 2 de marzo e o venres 6, todas elas a partir das 19.30h. Nas xuntanzas tamén se falará doutro proxecto que vai botar a andar de forma inminente: a identificación cartográfica dos camiños e pistas, como paso previo á actualización do inventario de vías de titulariedade municipal.

O Concello de Moeche acolleuse á convocatoria de axudas do organismo Augas de Galicia para a elaboración dun Plan de emerxencia ante a seca. A subvención acadada ascende a 4.356 euros, o que vén supoñer o 80% do custe, mentres que o 20% restante será financiado con fondos municipais.  Para facer o plan fai falla establecer un calendario de xuntanzas entre a veciñanza e o persoal técnico que se encargará da redacción. De aí que a finalidade das reunións -ás que tamén asistirá o concelleiro de Servizos- sexa a de recabar a axuda da xente para identificar todos os recursos existentes, que poderían ser fundamentais para paliar os efectos dunha seca prolongada.

Por outra banda, e en resposta a unha vella demanda veciñal, o Concello tamén vai iniciar o proceso de actualización do inventario de camiños. Trátase dun documento  imprescindible para acometer a reparación das pistas xa que nel aparecen delimitadas todas as que son de competencia municipal.

Os traballos de campo consistirán na identificación das características físicas, xeométricas e de equipamento da rede viaria municipal, tanto pistas como camiños. Toda esa información volcarase en mapas dixitais xunto coas fichas individuais de cada vía -largo, lonxitude, pendente, peralte, coordenadas, carrís, incidencias, interseccións, referencias catastrais, codificación propia do Concello, etc.-, de maneira que o acceso a todos os datos sexa inmediato para o persoal municipal e para o público en xeral contando sempre con referencias xeográficas precisas.

Porén, a actualización do inventario ten tamén unha parte administrativa que esixe a súa aprobación provisional no Pleno, un período posterior de exposición pública e, unha vez superada a fase de exposición e de resolución das alegacións, a súa aprobación definitiva.

Estímase que todo ese labor durará arredor de 6 meses. Para levalo a cabo tamén se solicita que a veciñanza colabore co equipo redactor -que percorrerá o territorio debidamente identificado- facilitando información e solventando dúbidas que poidan xurdir sobre o terreo. En calquera caso, desta cuestión tamén se falará nas xuntanzas organizadas para a semana do 2 ao 6 de marzo. Os días e lugares das asembleas, todas ás 19.30h., é o seguinte:

  • Luns 2, San Xurxo – Local do Pereiro
  • Martes 3, San Xoán – Casa do Concello
  • Mércores 4, Santa Cruz – Antigo local electoral
  • Xoves 5, Labacengos – Local do Ventoeiro
  • Venres 6, Abade – Centro Cultural Francisco Piñeiro