O Concello de Moeche vén de aprobar as bases reguladoras das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro do municipio para o exercicio 2025. As axudas, que contan cun orzamento total de 4.000 euros, teñen como finalidade apoiar o tecido asociativo local, tanto no ámbito cultural coma no deportivo. Cómpre ter en conta, ademais, que a estas subvencións só poderán optar aquelas asociacións e clubs que non asinasen -ou vaian asinar- convenios nominativos, para os que o Concello dispón doutra partida por valor de 24.000 euros.

Entidades culturais
As asociacións culturais poderán optar a subvencións para:
• A organización de actividades culturais, educativas ou sociais, tanto puntuais como de carácter anual.
• Gastos de mantemento e funcionamento da entidade (ata o 40% da axuda concedida).
• Obras, melloras ou investimentos en locais propios ou en alugueiro (ata 500 €).

Na valoración teranse en conta, entre outros criterios, o número e periodicidade das actividades realizadas, a antigüidade da asociación, o número de socios e socias, a atención a colectivos específicos, a promoción da lingua galega e do patrimonio local, así como as colaboracións con outras entidades.

Entidades deportivas
No caso das entidades deportivas, ademais dos gastos de mantemento e investimentos en instalacións, serán subvencionables as actividades e competicións nas que participen os clubs ou asociacións locais.

O baremo de puntuación valora elementos como:
• Número de licenzas federativas.
• Número de participantes en actividades e competicións.
• Impacto das actividades no conxunto da comarca.
• Periodicidade e continuidade das actividades ao longo dos anos.
• Inclusión de colectivos específicos.
• Colaboracións con outras entidades e difusión das actividades.

Prazo e presentación de solicitudes
O prazo para presentar solicitudes estará aberto do 27 de setembro ao 11 de outubro de 2025. As peticións deberán tramitarse exclusivamente a través da sede electrónica do Concello de Moeche.

As bases completas poden consultarse no BOP nº 179 do 19 de setembro e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Documentación descargable

Anexos fase de solicitude | Formato editable
Anexos fase de solicitude | Formato PDF
Anexos fase de xustificación | Formato editable
Anexos fase de xustificación | Formato PDF