O Concello de Moeche manifesta publicamente o seu apoio á mobilización convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril para o vindeiro domingo 30 de novembro, ás 12:00 horas, con saída desde a estación de Ferrol. O obxectivo: reclamar a modernización das liñas ferroviarias e un tren do século XXI para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mantivo contacto directo co Foro e convidou as súas representantes a visitar o noso concello nas próximas datas para compartir información, explicar o contido da reivindicación e continuar sumando apoios institucionais e sociais.
O goberno municipal levará ao próximo Pleno a proposta de adhesión á “Declaración Institucional por un tren do século XXI para Ferrolterra, Eume e Ortegal”, un documento que recolle as necesidades e carencias históricas das conexións ferroviarias da comarca e as demandas urxentes para avanzar cara a un servizo digno, sostible e acorde ao que merece o noso territorio.
Desde o Concello de Moeche animamos a toda a veciñanza a participar activamente na mobilización do domingo 30. A defensa dun transporte público moderno e eficiente é unha cuestión clave para o presente e o futuro da comarca e o apoio social é fundamental para que estas demandas sexan escoitadas.
Moeche estará presente o 30 de novembro e seguirá traballando pola mellora das comunicacións e pola igualdade territorial.









Últimos comentarios