Moeche suma este ano ao Mes das Letras Galegas unha programación propia que combinará artesanía, conferencias, teatro, literatura e música nun percorrido por distintos espazos do municipio. Todos os actos son de entrada libre. Este ano o Día das Letras dedícase á Begoña Caamaño (14 outubro 1964 Vigo,- 27 de outubro 2014 Santiago de Compostela), escritora e xornalista, activista e partícipe de movementos e organizacións. Autora de diversas obras de narrativa nas que destacan dúas obras: Circe ou o pracer do azul (2009), unha recreación do mito de Circe e Morgana en Esmelle (2012). Con esta última recibiu varios premios literarios de recoñecido prestixio. Debido ao seu repentino falecemento, deixou inconclusas varias obras.
Programa Mes das Letras
16 de maio, exposición, patrimonio, teatro e literatura.
A programación inicia o 16 de maio no Castelo de Moeche coa Exposición de pezas de artesanía en madeira do veciño de Santa Cruz Juan Carlos Caaveiro Luaces, que poderá visitarse ata o 28 de xuño.
Ese mesmo día, ás 12:30 horas, a antropóloga e arqueóloga Ana Filgueiras ofrecerá a conferencia Os hórreos: altares do vento, unha achega ao valor patrimonial e simbólico dun dos elementos máis identitarios da paisaxe rural galega.
E na mañá do día 16, o Concello co fin de difundir a obra de Begoña Caamaño, escritora homenaxeada no Día das Letras 2026, sorteará entre as persoas que asistan a facer a compra ao Mercado e varios exemplares da obra da autora
Pola tarde, ás 18:00 horas, o Centro Cultural Francisco Piñeiro de Abade acollerá a representación de Iriña bailarina a cargo da compañía Teatro Ghazafelhos.
23 de maio, literatura e música
O 23 de maio a actividade trasládase de novo ao Castelo, onde ás 18:30 horas Carmen Blanco presentará o seu libro Gorrións e Falcóns.
Pola noite, o local social do Pereiro acollerá un concerto de Nimbos , despois das 21:30 horas, promovido polo Concello no marco do programa de dinamización cultural DinamizarTj.
24 de maio, teatro
Ao día seguinte, o 24 de maio ás 18:00 horas, o Castelo de Moeche acollerá unha tarde de teatro con dúas propostas: Quen matou a Pepe Corleone, da Escola Municipal de Teatro de Moeche, e Plasma Solar, da compañía Teatro Vai Rañala de Sedes.
6 de xuño, literatura
A programación pecharase o 6 de xuño ás 12:00h no Castelo, coa presentación de Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939–1945, de Juan Galán, un libro que recupera a memoria dun combatente galego en Europa durante os anos máis escuros do século XX.
As actividades están organizadas polo Concello de Moeche e contan co apoio de Dinamizartj, programa do Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía-CIUDEN orientado a xerar oferta cultural nos municipios en zonas de Transición Xusta








Últimos comentarios