O Instituto para a Transición Xusta, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, comunicou onte á noitiña a concesión provisional das axudas Next Generation do Convenio para a Transición xusta das Pontes, a través das que Moeche recibirá unha achega de 1.123.556,43 € para levar adiante o proxecto denominado Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC “CEDES Rural TIC”. O proxecto consistirá na reforma da nave dos cabalos do recinto feiral de San Ramón para convertela en punto de encontro para o tecido asociativo e en espazo relacionado coas TIC e iniciativas de desenvolvemento local que, ademais, manteña o seu cometido comercial de proximidade.  A comunicación oficial da proposta de subvención -que cubrirá o 100% do investimento- causou grande satisfacción no Goberno local “pola envergadura do investimento e pola oportunidade que nos ofrece para seguir dinamizando un concello pequeno coma o noso pero cun grande potencial”, apuntaba esta mañá a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy. A rexedora destacou ademais a “visión de futuro” e a calidade do proxecto presentado “que ía moi ben definido e perfectamente axustado á filosofía da convocatoria, o que nos permitiu obter unha alta puntuación na valoración”. Neste sentido, a proposta de Moeche é a que recibirá a maior achega pública para un único proxecto dos 11 municipios adscritos ao Convenio da Transición xusta das Pontes e suporá a de maior contía en proporción ao número de habitantes que ten o concello na actualidade.

O proxecto denominado Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC “CEDES Rural TIC” comprendería tanto a remodelación da nave dos cabalos de San Ramón como a reurbanización dos seus arredores para crear dous novos espazos públicos que sexan a un tempo máis accesibles e lugares de encontro nos que mesmo poder desenvolver espectáculos e actividades ao aire libre.

No que se refire á nave, a intervención incluída na solicitude da subvención estatal prevé substituír a cuberta -igual que se fixo xa noutras dependencias- e eliminar a maior parte das paredes, deixando un grande espazo diáfano flanqueado por 10 locais con distintas superficies, 8 deles pensados como oficinas de coworking e para as entidades do municipio e os outros 2 como salas de formación e reunión, coa previsión de que un deles acolla unha aula TIC totalmente equipada e un centro de teletraballo público e gratuíto.

Ademais da infraestrutura construtiva e o equipamento, o edificio tamén levaría modernos sistemas de conexión sen fíos de alta velocidade mediante tecnoloxía LoRawan e, de cara á súa eficiencia enerxética, contémplase a instalación de ata 24 paneis solares fotovoltaicos. E é que a transformación tecnolóxica e a sostenibilidade ambiental son dous dos principais obxectivos que perseguen as axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -os fondos Next Generation- canalizadas no caso da nosa zona dentro do plan de transición enerxética da comarca das Pontes, ao que Moeche solicitou acollerse formalmente o pasado mes de agosto.

Tal e como explica Beatriz Bascoy, trátase de “contribuír á transformación dixital,  para que o pequeno comercio de proximidade poida aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías de comunicación de banda ultralarga, entre elas a chamada ‘internet das cousas'”.

A intervención sobre a coñecida como nave dos cabalos de San Ramón acompañarase dunha completa reurbanización dos seus arredores para ganar en accesibilidade e en posibilidades de uso do espazo aberto dispoñible, ampliando deste modo a función sociocultural da superficie baixo cuberta. Por iso o deseño arquitectónico propón construírsalvar os desniveis con respecto á explanada da feira de dúas maneiras: no espazo entre a nave do polbo e a dos cabalos construiríanse rampas, escalinatas e tres bancadas de obra situadas fronte a unha pequena praza rectangular, mentres que na esquina suroeste da nave ecuestre (a que dá ao aparcadoiro) a diferenza de alturas aproveitaríase para construír un anfiteatro con catro chanzos para o público.

Satisfacción do Goberno local
Beatriz Bascoy cualificou esta mañá como “unha grande nova” a comunicación dos fondos para levar a cabo este grande proxecto, primeiro dun plan moito máis ambicioso (cuantificado en 3.6 millóns de euros) co que se pretende, en anos sucesivos, seguir “convertendo San Ramón en referente do desenvolvemento rural para toda a comarca”.

Bascoy explica que dentro das actuacións que se teñen en carteira de cara ao futuro “na medida que vaiamos obtendo máis financiamento” estarían a adecuación dos espazos entre todas as naves e a súa humanización con zonas verdes e de lecer, ademais de crear novos aparcamentos, reparar as naves de almacenaxe e acondicionar todos os viais perimetrais. Ademais, o Concello tamén ten xa cuantificada a construción dunha pista de andadura para cabalos de 3.200 m2 de superficie (320 metros de perímetro exterior e 220 metros no borde interior), nunha leira de 15.100 m2 situada preto do recinto, no outro lado da rúa Cristo do Rañal.

“Temos grandes ideas para o recinto feiral San Ramón, pero agora o que toca é centrarse na primeira fase, para a que xa contamos cos fondos da Transición xusta”, comenta a alcaldesa ao tempo que destaca que a achega estatal “cubrirá o 100% do proxecto deseñado para a nave dos cabalos e a súa contorna”. Trala notificación provisional do reparto das axudas entre os 11 municipios adscritos ao Convenio da Transición xusta das Pontes ábrese un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións e, nese sentido, “tan pronto como a concesión sexa definitiva porémonos en marcha para tramitar a recepción dos fondos e iniciar o procedemento de contratación das obras”.

Para a alcaldesa, a obtención de financiamento é “un paso fundamental”, pero tamén avanza que “queda moito traballo por diante que afrontaremos con moitísima ilusión”. Bascoy destacou que o proxecto do Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC “CEDES Rural TIC”  nacerá “como unha iniciativa de Moeche para toda a comarca” que é resultado dunha planificación “moi meditada e con visión de futuro sobre cara onde queremos avanzar”.

A rexedora puxo en valor, ademais, que a obtención dos fondos Next Generation “é un éxito colectivo” en alusión a que este proxecto “de comunidade” se presentou co aval das entidades asociativas do municipio, da asociación promotora do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal e de varios concellos da comarca.

Beatriz Bascoy tamén adiantou que o Concello de Moeche seguirá presentándose a futuras convocatorias dos Next Generation para continuar levando a cabo as seguintes fases do proxecto integral de modernización do recinto feiral iniciado en 2016.