O vindeiro mércores 14 de agosto, ás 19.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición de cantería nun acto aberto ao público en xeral. O toelo: a pedra de Moeche, no Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas do Castelo. Máis de 50 fotografías e variados obxectos realizados con esta peculiar pedra compoñen unha exposición que ten como obxectivo central poñer en valor o patrimonio xeolóxico, etnográfico e relixioso do concello de Moeche e, nomeadamente, o traballo dos canteiros modestinos.
Dentro do territorio do Xeoparque Cabo Ortegal, a riqueza xeolóxica do concello é visible en cada casa, fonte, igrexa ou cruceiro, grazas ás numerosas canteiras desta pedra, a serpentina, coñecida como toelo ou pedra de Moeche.
Para esta exposición o Concello contou coa inestimable axuda dun grupo de veciñas e veciños que ofreceron asesoramento e coñecemento ao persoal técnico do Castelo e da área e Turismo, e prestaron diversas ferramentas e pezas de cantería, que se poderán ver no Castelo. Desde o Concello agradécese a súa colaboración que “dá mostra da implicación da veciñanza coa historia e tradición de Moeche”, indica a concelleira de Cultura, Alba Fernández. Así mesmo, é unha das actividades financiadas pola Área de Cultura da Deputación da Coruña
A exposición arranca ás portas da 45 edición do Festival Irmandiño que Moeche celebrará na fin de semana do 16, 17 e 18 de agosto. O horario no que se pode visitar a exposición é o de apertura do Castelo de Moeche: mércores, xoves e venres de 11:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:30h e de 16:00 a 20:00h
Últimos comentarios