O Concello de Moeche reúnese co Foro Cidadán polo Ferrocarril para trasladar o seu apoio e dar a coñecer as urxencias do tren de “vía estreita”.
O Goberno municipal celebrou un encontro na Casa do Concello cos representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril, ao que convidou ás entidades asociativas e as representantes dos grupos municipais. Asistiron ao encontro co Foro na Casa do Concello, ademais da alcaldesa Beatriz Bascoy, as voceiras dos grupos municipais, varios concelleiros do Goberno e membros de todas as asociacións veciñais do municipio (AVV Labacengos, AVV Balocos e AVCR Val de Moeche). A visita tivo como fin dar a coñecer as xustas e necesarias demandas do Foro, informarse das accións previstas e trasladarlles o apoio do Concello de Moeche.
A alcaldesa, tras darlles a benvida, informou do traballo realizado nos anos 2016 a 2019 desde os primeiros anos do actual Goberno municipal, en coordinación con outros concellos da comarca, pola mellora e mantemento do tren do antigo FEVE. Bascoy comunicou o compromiso firme do Goberno local coa necesaria defensa do tren como servizo público esencial: “Máis en concellos da nosa comarca, na que o tren foi sempre a principal vía de transporte público para xeracións e xeracións. Non podemos permitir que se abandone un servizo do que dependemos”.
A alcaldesa trasladou o seu agradecemento e o da Corporación pola visita dos representantes do Foro e destacou o importante traballo que veñen desenvolvendo na defensa dun tren público, digno e útil para a cidadanía de Ferrolterra e o feito de unir diferentes colectivos nun mesmo fin.
Durante o encontro, fíxose un chamamento expreso á participación na manifestación convocada para o domingo 30 de novembro en Ferrol, que partirá ás 12:00 horas desde a estación de tren de Ferrol. “É fundamental que a veciñanza de Moeche e de toda Ferrolterra nos mobilicemos. Temos que demostrar que non estamos dispostos a aceptar un servizo deficiente e que esiximos o compromiso das administracións competentes, polo que levamos anos agardando”, destacou Bascoy.
A xuntanza desenvolveuse nun clima de coincidencia e colaboración, co compromiso de manter o diálogo aberto e traballar conxuntamente, de xeito sostido no tempo, na defensa dun tren público, digno e útil para a cidadanía de Ferrolterra.








Últimos comentarios