O Concello de Moeche acordou sumarse á decisión da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) de participar no acto público convocado para este venres 19 de setembro, como símbolo de condena enérxica e repulsa a toda forma de antisemitismo e islamofobia, reafirmando así o seu compromiso co respecto a todas as comunidades, culturas e relixións.

A Comisión Executiva da FEGAMP, reunida o pasado 16 de setembro en Santiago de Compostela, aprobou un manifesto no que se denuncia a grave situación humanitaria que se está vivindo en Gaza. O texto recolle datos sobre milleiros de vítimas mortais, persoas feridas e desprazadas, así como a destrución sistemática de infraestruturas civís e o bloqueo á entrada de axuda humanitaria.

No documento, a FEGAMP demanda, entre outras medidas, o cese inmediato e sostido do fogo, o acceso libre e sen restricións á asistencia humanitaria, o respecto ao dereito internacional humanitario e a protección da poboación civil. Tamén reclama á Unión Europea que impulse accións diplomáticas e suspenda o envío de armas ás partes en conflito.

Desde Moeche, o goberno local quere sumarse a este chamamento colectivo, expresando a súa solidariedade con todas as vítimas do conflito, moi especialmente coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos.

Como mostra deste compromiso, o Concello de Moeche manterá as bandeiras oficiais a media hasta ata que remate a actual situación, en sinal de dor, solidariedade e defensa da paz, da xustiza e dos dereitos humanos fundamentais.