A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a presidenta da Asociación Ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, asinaron hoxe o acordo de colaboración entre a entidade e o Concello para levar adiante a tradicional feira cabalar que se desenvolverá o día de San Xurxo.
O convenio establece unha achega municipal de 7.000 euros para os gastos organizativos, incrementando así en 1000 euros a achega, que se sumarán no novo orzamento municipal, e recolle a axuda por parte do Concello no referido a equipamentos e na coordinación de seguridade. Pola súa banda, a asociación asumirá, entre outros cometidos, a preparación do recinto, o seguro de responsabilidade civil, unha segunda ambulancia medicalizada e todos os aspectos relacionados co desenvolvemento das actividades do evento.
De acordo co documento asinado hoxe na casa consistorial, a Asociación Ecuestre 23 de Abril, como entidade organizadora, levará todo o referido ás distintas probas de trote e andadura —cronometraxes, xulgamentos, etc.—, o control dos animais inscritos, incluídos os aspectos sanitarios, así como a xestión dos postos que acoden exclusivamente a esta cita co mundo equino e non ao resto de feiras mensuais que teñen lugar en Moeche.
Ademais, segundo o convenio, a entidade deberá asumir a contratación dunha póliza de seguros que cubra as posibles responsabilidades que se puideran derivar do evento, a presenza dunha ambulancia medicalizada de apoio e, alén doutros compromisos, tamén a montaxe, desmontaxe e limpeza do espazo ao remate do evento.
Pola súa banda, a Administración local xestionará a solicitude dos valados de protección cos que se delimitará a zona das probas e solicitará da Subdelegación do Goberno a colaboración da Garda Civil, así como a axuda de varias agrupacións de Protección Civil da comarca no dispositivo de seguridade. O Concello tamén colaborará coordinando coa veciñanza a cesión de espazos para estacionamento e para a propia feira, xunto coa contratación dunha ambulancia non medicalizada e dunha inserción publicitaria nun medio de comunicación.
Coordinación dispositivo de seguridade
Nos próximos días celebrarase a reunión de coordinación de seguridade na que participarán o Concello, a directiva da asociación, a Garda Civil e os efectivos de Protección Civil que intervirán na xornada.
A veciñanza da rúa da Feira, que estará cortada ao tráfico durante toda a xornada, poderá pasar a recoller os seus pases de acceso a partir do xoves na casa do concello








Últimos comentarios