O modelo de alegacións ofrecido polo Concello e o traballo de difusión e información realizado polas entidades veciñais de San Xurxo, Labacengos e Balocos e pola  Plataforma veciñal contraria á instalación de macroeólicos en Moeche, TEX (Transición enerxética xusta) deron como resultado a presentación de 849 alegacións. O rexeitamento aos proxectos eólicos actuais proxectados sobre o territorio de Moeche xa se deixou ver na afluencia de veciñanza nas iniciais xornadas de asesoramento xurídico ofrecido polo Concello e agora confírmouse no elevado número de alegacións presentadas no Rexistro Xeral municipal para dirixir à Delegación do Goberno en Galicia.

O Concello, pola súa parte, presentou  este  luns as súas alegacións específicas aos P.E. Moeche e ao P.E. Badulaque baseadas non só na localización de aeroxeradores fóra do ámbito das ADEs do Plan Sectorial Eólico de Galicia,  tamén na complexidade técnico-xurídica do presente procedemento e da feble posición dos particulares afectados a respecto dos seus dereitos de participación no propio procedemento, na consideración xeral sobre o carácter estritamente mercantil do proxecto do P.E. Moeche, nos prexuízos  derivados da súa execución, na colisión frontal do proxecto cos obxectivos da Estratexia da UE sobre a biodiversidade, na concorrencia de fragmentación artificial,  así como nas afeccións medioambientais ou nos impactos do proxecto sobre o patrimonio cultural, en particular, o impacto negativo do proxecto na candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal, ademais de incidir na situación de aeroxeradores con perigosa proximidade ás vivendas, na falta de identificación de parcelario afectado polo proxecto e na afeccións aos montes, ás explotacións forestais, madeireiras e  agro-gandeiras.

Parque Eólico Nordés. Alegacións

Segue aberto o período para presentar as alegacións  ao novo parque proxectado sobre Moeche, o P. E. Nordés. Desde o Concello  infórmase que a partir do luns 13 de setembro  todas aquelas persoas que desexen presentar alegacións ao proxecto do P.E. Nordés poden pasar a recoller o  modelo de alegación correspondente; tamén se poderán descargar da web municipal.

O pasado 25 de agosto  publicouse no BOP o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia de información pública do Estudo de Impacto Ambiental e solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Nordés e Mistral. Abriuse un prazo de 30 días habiles a contar desde o día seguinte da publicación. O prazo para presentalas remata o 6 de outubro

Enlace publicación no BOP