Moeche celebrou Pleno Municipal xusto antes da ponte das Letras cun marcado sentido económico. E é que na sesión o Grupo de Goberno aprobou en solitario modificar o orzamento para engadirlle outros 350.000 euros cos que levar adiante distintas melloras no concello. Os cartos son só unha parte dos remanentes cos que se pechou o 2020 -algo máis de medio millón de euros- e con eles levaranse a cabo 11 proxectos distribuídos polo territorio, todos relacionados con infraestruturas básicas e equipamentos. Tres dos máis destacados son a construción dun centro cívico en Labacengos -única parroquia xunto con Santa Cruz sen local de titulariedade municipal-, uns novos aseos adaptados na área recreativa de Soutogrande ou a adquisición dos terreos necesarios para dispor dunha captación de auga propia que lle evite ao Concello depender do abastecemento das Somozas. 
 
O exercicio do ano pasado pechouse cuns remanentes líquidos de Tesouraría superiores aos 500.000 euros que, agora, a normativa estatal permite destinar a investimento logo de levantar as restricións que pesaban sobre o gasto municipal desde 2012.
Este balance positivo obedece, segundo a alcaldesa, á “redución do gasto corrente municipal e ás achegas doutras administracións” -principalmente a Deputación da Coruña- para financiar distintas actuacións e servizos municipais. Ademais, engade Beatriz Bascoy, o Concello tamén “puxo ao día os padróns do lixo ou da auga”, de modo que se incrementaron os ingresos por estes conceptos “sen que houbera que subirlle as taxas á veciñanza”.
Con todo, malia dispor de medio millón de euros para investir, o Goberno local mantén a prudencia sobre as necesidades que poidan xurdir a curto e medio prazo. Por este motivo dedicará a proxectos arredor do 70% do total -350.000 euros-, nuns casos suplementando partidas económicas que xa figuraban nas contas aprobadas recentemente e, noutros, creando apartados novos cunha finalidade específica.
Así, á pavimentación de pistas, á mellora de gabias, a sinalización e outras infraestruturas viarias dedicaranse 95.000 euros. Para a ampliación das redes de saneamento e de subministración de auga prevense outros 35.000 a maiores dos que xa estaban consignados no orzamento e, ademais, o Concello tamén destinará 6.000 euros para mercar en Santa Cruz os terreos necesarios para instalar unha captación de auga municipal.
De momento trátase só de mercar os predios, posto que o consistorio traballa coa idea de recabar a colaboración de Augas de Galicia para construír logo o sistema co que abastecer desde alí toda a rede municipal. “Nestes momentos a auga municipal provén da rede do Concello das Somozas, con todo o que iso implica en canto a gasto anual e tamén de dependencia doutro concello para ter un servizo tan básico. En Santa Cruz hai auga en cantidade e calidade e temos intención de instalar alí un punto de captación propio. Confiamos en que Augas de Galicia se implique no proxecto como o fixo ata agora axudándonos a buscar os acuíferos”, comenta a alcaldesa.
 
160.000 euros para un local en Labacengos
No relatorio de investimentos previstos cos remanentes de 2020, o Concello de Moeche tamén incluíu 11.000 euros para continuar ampliando a iluminación led, 8.000 euros para a redacción de proxectos que permitan solicitar fondos europeos, 12.500 de achega municipal para o convenio que se vai asinar coa Deputación coa finalidade de mellorar os contidos expositivos e a sinalización do castelo e, tamén en relación cos equipamentos públicos, 20.000 euros cos que se construirán novos aseos públicos en Soutogrande adaptados a persoas con mobilidade reducida, así como 2.500 máis para a merca dun terreo anexo á área recreativa. A obra de maior importe que se financiará con cargo aos remanentes de Tesouraría será o futuro centro cívico de Labacengos, cuantificado en 160.000 euros.