A Xunta de Goberno Local do pasado 23 de maio acordou iniciar o expediente de contratación das obras de reparación de varias pistas municipais, orzamentadas nun prezo base de licitación de 38.125,30 euros, IVE incluído. Trátase do proxecto conxunto que suporá a renovación do firme en tres camiños de San Xurxo, Abade e Labacengos -cerca de 1,5 quilómetros en total-, ademais de mellorar a drenaxe dun tramo no Outeiro (San Xurxo) por medio do revestimento da cuneta e a instalación de novas tubaxes soterradas. Os traballos, que nestes días se licitarán na Plataforma de Contratación co Sector Público, fináncianse cunha achega do POS+ 2023 e con fondos do propio Concello.
O proxecto construtivo incide principalmente na extensión dunha nova capa de rodadura sobre as pistas do Castelo de Arriba, en San Xurxo, o camiño do Castro até a Casanova (Abade) e o eixo que comunica Loira e A Veiga, en Labacengos. En todos estes tramos da rede viaria municipal farase un labor previo de limpeza do firme antigo e tamén das súas marxes, de cara a retirar sedimentos e vexetación que aseguren unha correcta evacuación da auga da chuvia. A continuación corrixiranse baches e outros desperfectos co obxectivo de acondicionar con garantías de durabilidade a base que sosterá o novo pavimento.
No caso da pista do Castelo de Arriba repararanse 305 metros de distancia cun ancho medio de 3 metros, no trazado entre o Castro e a Casanova limparase e asfaltarase de novo algo máis de medio quilómetro e no camiño que enlaza Loira coa Veiga será un tramo de 410 metros.
A maiores das obras anteriores, o proxecto tamén recolle traballos de conservación no camiño do Outeiro que se ocuparán exclusivamente da mellora da capacidade de drenaxe das beiravías. Neste sentido revestirase con formigón unha distancia duns 95 metros e substituiranse tanto unha taxea como as tubaxes que cruzan a pista, coa finalidade de previr arrastres, a acumulación de sedimentos e o represado de escorrentías que poderían filtrarse e acabar debilitando o firme.
O orzamento deste paquete de melloras viarias está cuantificado en 38.125,30 euros. A Deputación da Coruña achega 32.673,42 euros a través do POS+2023, mentres que os 5.451,88 euros restantes serán asumidos polo consistorio con fondos propios.
Unha vez aprobado o proxecto e o investimento na Xunta de Goberno Local do martes pasado, o Concello publica na plataforma de contratación os pregos técnicos e administrativos, abrindo deste xeito o prazo para que as empresas do sector presenten as súas propostas. O prazo máximo de execución dos traballos será de catro meses.
Enlace á licitación na Plataforma de Contratación do Estado: https://contrataciondelestado.es/wps/poc?uri=deeplink:detalle_licitacion&idEvl=4KZ1I6%2B%2F%2FvNSYrkJkLlFdw%3D%3D
Últimos comentarios