A edición do Boletín Oficial da Provincia do xoves 23 de agosto faise eco da apertura do período de exposición pública de catro novas ordenanzas aprobadas polo Concello de Moeche no último pleno. Unha delas está relacionada coa conservación das vías públicas na actividade extractiva de madeira, outra refírese aos prezos públicos establecidos para a limpeza de fincas con medios municipais, a terceira ocúpase de regular a concesión de axudas de emerxencia social -para as que se reserva unha partida de 10.000 euros- e, a última, regulamenta o uso da lingua galega no ámbito da Administración local, así como a súa promoción en todo o territorio. O contido das ordenanzas permanecerá exposto durante 30 días hábiles, contados desde o día seguinte á súa publicación no BOP.

A ordenanza para a protección e conservación dos camiños vén regular as autorizacións do tránsito de maquinaria pesada forestal  polas vías públicas de titulariedade municipal, co obxectivo de velar polo seu bo estado e esixir a súa reparación no caso de que se produzan desperfectos durante a actividade extractiva ou de transporte da madeira.

A normativa está orientada aos aproveitamentos comerciais ou industriais que se fan dos montes e, neste sentido, as empresas forestais deberán solicitar previamente unha autorización para traballos forestais -distinta das comunicacións e permisos de corta, que os outorga a Xunta-, ademais de presentar unha fianza ou a correspondente póliza de seguro que cubra os posibles desperfectos.

Por outro lado, a ordenanza tamén establece obrigas e prohibicións relativas ao amoreamento de madeira. Non se poden ocupar as vías públicas nin o seu dominio -cunetas, pasos, canalizacións, etc.- nin con toradas nin con pólas, e calquera refugallo deberá ser retirado no prazo máximo de 48 horas. Ademais, a empresa ou persoa responsable da corta deberá comunicarlle de inmediato ao Concello calquera desperfecto que se produza en vías e bens públicos. Incumprir a ordenanza pode supor multas de ata 3.000 euros.

Outra das ordenanzas aprobadas no pleno da pasada semana garda certa relación co ámbito forestal, aínda que desde a óptica do cumprimento da normativa de protección de incendios e do mantemento do ornato público en todo o concello. Neste caso trátase da norma que regula os prezos públicos pola prestación do servizo de xestión de biomasa vexetal e de limpeza de fincas. O obxecto da ordenanza é fixar as contías unitarias do persoal e da maquinaria para traballos de limpeza que se fagan en parcelas privadas, xa sexa de oficio ou por solicitude das persoas propietarias dos terreos, sempre e cando os medios técnicos e humanos municipais estean dispoñibles.

Os prezos do persoal van desde os 14,50 até os 23 €/hora, mentres que os da maquinaria se fixaron en dous tramos: un de 20 € por hora ou fracción para o tractor con rozadora traseira, o camión e a cisterna; e outro de 25 €/hora ou fracción se cómpre utilizar nos traballos a pá retroescavadora ou o tractor coa rozadora de brazo. Estes prezos públicos son acumulativos segundo o número de persoas e equipamento que sexa necesario empregar en cada operación de limpeza. Ademais, os custos da xestión dos resíduos que se recollan -pode haber máis cousas que maleza- tamén lle serán repercutidos ao suxeito pasivo.

Axudas para casos de emerxencia social
O Concello tamén lle deu o visto e prace á normativa que regulará o acceso a axudas para familias ou persoas que se atopen nunha situación de emerxencia social. O orzamento municipal deste ano reserva para este apartado un total de 10.000 euros e a ordenanza fixa un importe máximo de 1.000 euros anuais por unidade familiar.

Non se trata dunha convocatoria periódica, senón dunha prestación “urxente, rápida e inmediata” que poderá solicitarse en calquera momento -ou iniciarse de oficio en casos xustificados- para cubrir carencias básicas, ben sexa por non dispoñer de recursos económicos suficientes para cubrilas ou por situacións sobrevidas e imprevisibles, como catástrofes, incendios, accidentes, etc., que a persoa non teña maneira de solventar por si.

A concesión das axudas requirirá informe favorable da Traballadora social do Concello e abranguerá a cobertura de necesidades básicas -alimentación, vestiario, gastos farmacéuticos,  coidados sanitarios, etc.-, o uso e mantemento da vivenda -importes pendentes para evitar desafiuzamentos, mobiliario básico, recibos de luz e auga debidos ou pequenos arranxos-, a atención a menores -material e libros escolares, comedor- e o transporte ou os gastos derivados de participación en tratamentos de rehabilitación de toxicomanías e outras dependencias. Inclúese nos supostos cubertos o aloxamento de urxencia, a mantenza e os gastos de desprazamento en casos de violencia de xénero.

Impulso ao uso do galego
A última das ordenanzas municipais que están en exposición pública é a relativa ao uso social da lingua galega no Concello de Moeche. O texto pon negro sobre branco algo que xa vén facendo habitualmente: empregar o galego nos seus actos, na documentación, na comunicación social, nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.

Ademais, o articulado da ordenanza reserva un apartado referido á toponimia e aos criterios de designación de lugares, onde se lle dá prioridade á preservación dos nomes tradicionais de cada lugar. Os dous últimos capítulos dos doce que compoñen a ordenanza abordan o compromiso  de impulsar o galego entre o tecido social do municipio e o de observar a máxima calidade e corrección lingüística en toda a comunicación institucional, que deberá usar fórmulas inclusivas en canto ao uso do xénero.

Tanto esta como as demais ordenanzas non entraron en vigor de momento, xa que será necesario agardar a que se completen os 30 días hábiles de exposición pública e, de habelas, resolver as alegacións presentadas antes da súa aprobación definitiva.