Xa se coñece a programación completa da 39ª edición do Festival Irmandiño, que encherá de música e outras actividades culturais os días 17, 18 e 19 deste mes. Tres xornadas de troula que terán un dos seus momentos culminantes no asalto á fortaleza e nos concertos do sábado d’Os Viqueiras, Tanxugueiras, Kepa Junkera e Sorginak, El Diluvi e Ruxe Ruxe; seguidos o domingo dunha sesión vermú ao pé do castelo con No Cómbaro, de novo Tanxugueiras e o grupo infantil Quenindiole. O Concello de Moeche volve colaborar co evento a través dun convenio nominativo por valor de 6.000 euros rubricado esta mesma mañá pola alcaldesa e a representante da entidade organizadora, a Asociación Cultural Irmandiños. Porén, ademais deste importe, a Administración local tamén asume a contratación de dous dos grupos dentro da Rede Cultural 2018 da Deputación da Coruña.

O acordo asinárono a primeira hora do día Beatriz Bascoy por parte do Concello e Carla Couce en representación da AC Irmandiños de Moeche. As cláusulas establecen que a entidade correrá integramente coa organización do festival, asumindo pola súa conta a preparación do recinto e a súa posterior limpeza, o alugueiro de todos os equipamentos necesarios, a contratación dos grupos -agás os incluídos na Rede Cultural-, a contratación do seguro de responsabilidade civil, a merca dos artigos promocionais  cos que financiar parte dos custes do festival e, por último, de todas as accións de publicidade e difusión do evento.

A achega económica municipal ascende a 6.000 euros dos que a asociación poderá dispoñer en dúas veces: 3.000 euros trala sinatura do convenio e os 3.000 restantes despois de presentar a documentación xustificativa dos gastos, que deberá tramitarse antes do 30 de novembro.

Porén, a maiores da contía reflectida no convenio, a colaboración municipal complétase indirectamente con outros 1.000 euros correspondentes á parte que deberá asumir o Concello dos cachés de Tanxugueiras -3.718€- e No Cómbaro -400€-, solicitados á Deputación polo consistorio  dentro da Rede Cultural 2018.

Festa de venres a domingo
O Festival Irmandiño deste ano comezará á noitiña do venres 17 -xusto despois da visita teatralizada polo castelo cos Quinquilláns- cunha repichoca popular combinada coa actuación do grupo De Ninghures.

O sábado 18, día que concentra a maior actividade, a fortaleza estará aberta desde pola mañá con entrada gratuíta. Sobre as 13.30h. o campo do festival acollerá unha sesión vermú animada por un picadiscos e, cara ás 16.30h. farase o asalto infantil ao castelo. De aí volverase ao entorno do festival para a competición de xogos tradicionais -18.00h.- que practicamente conectará ás 20.30h. co arranque dos concertos nocturnos.

Os grupo convidados o sábado ao XXXIX Festival Irmandiño de Moeche son, por esta orde, Os Viqueiras, Tanxugueiras, Kepa Junkera -na compaña de Sorginak-, El Diluvi e Ruxe Ruxe, que pecharán a noite. Polo medio, a iso das 0.30h. lerase o pregón e farase o asalto ao castelo.

Este ano a organización do evento ampliou as propostas desde o mediodía até o serán do domingo 19, terceiro e último día do festival. No Cómbaro animará a partir das 13.30h. a sesión vermú ao pé da fortaleza, onde se poderán xantar cachelos, liscos, crioulos e xamón cocido por un prezo de 4€. A partir da sobremesa poderemos desfrutar da música de Tanxugueiras -16.30h.- e do grupo infantil Quenindiole quen, xa si, darán por pechado o festival a partir das 17.30h.