As andainas e as carreiras de todo tipo colleron nos últimos tempos un grande impulso. Son un exercicio moi san, moi barato e con lugares ideais para a súa práctica na nosa zona. En Moeche tamén medrou moito o interese polas carreiras amadoras e pola modalidade do “trail”, que se disputa por carreiros e montes ofrecendo unha boa maneira de descubrir a paisaxe e lugares novos. Por esta razón, o Concello e mailo Club de Montaña de Moeche -entidade de recente creación- organizan o I Trail e Andaina “Castelo de Moeche”, que se disputará na mañá do domingo 17 de novembro. Ademais de gozar do deporte ao aire libre e da paisaxe, as persoas participantes tamén levarán agasallos, participarán en sorteos e reporán forzas cuns petiscos que se servirán ao remate na área recreativa de Souto Grande. O prazo de inscrición xa está aberto a través da web www.galitiming.com. con interesantes descontos para quen non agarde aos últimos días para se apuntar.  

Tralo éxito organizativo das carreiras populares anuais, agora o Concello asumiu o reto de argallar no mesmo día un trail e máis unha andaina con saída e chegada en ambos casos no castelo de Moeche. A área municipal de Deportes contará coa colaboración do Club de Montaña de Moeche, un grupo que acaba de nacer e que se encargará de boa parte da loxística e máis da definición dos trazados.  Ademais tamén prestan o seu apoio a Deputación da Coruña, Protección Civil, a AVV Val de Moeche,  a clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, Alalá Turismo Terra e Sons, Lácteos de Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado Moeche e a Taberna Irmandiños.

Tal e como recolle o programa horario, os dorsais deberán recollerse o propio día 17 entre as 9 e as 10.15h. da mañá. A andaina comezará ás 10.00h. cun percorrido de 12 quilómetros que discorrerá por camiños, carreiros e pistas asfaltadas de baixa dificultade -o desnivel total serán uns 500 metros-, mentres que o trail deberá completar un itinerario algo máis traballoso de 16 quilómetros e 820 metros de desnivel positivo.

As rutas seguirán distintos puntos de San Xurxo, Labacengos e Santa Cruz e, segundo o regulamento, quen vaia na andaina -a primeira en saír- sempre deberá cederlle o paso ás persoas que corran o trail. Coa inscrición inclúese o seguro de accidentes e responsabilidade civil, pero desde a organización sinalan que se deberán gardar certas precaucións dado que parte de ambos percorridos cruzarán vías públicas que non estarán cortadas ao tráfico.

A cita tamén estará cuberta cun servizo de ambulancia e asistencia médica, contará con avituallamento líquido e sólido e, ademais, o trail irá cronometrado con microchip. Ao finalizar haberá tamén masaxes post-carreira por cortesía de Fisio-Che Ben e cada participante no trail e na andaina levará un pequeno agasallo de Alalá Turismo Terra e Sons.

As inscricións só se poden facer en liña, a través de www.galitiming.com. A do trail -no que só poderán participar maiores de idade- custa 14€ sempre que se faga de aquí ao 10 de novembro. Se se tramita entre o 11 e o 15 de novembro o prezo serán 16€. Na andaina -maiores de 12 anos e menores sempre acompañados de persoa adulta- o prezo serán 8€ ata o 10 de novembro e 10€ para as solicitudes recibidas entre o 11 e o 15, último día para apuntarse.

A carreira -non a andaina, que non é competitiva- ten dúas categorías con apartado masculino e feminino en cada unha delas: senior -18 a 39 anos- e veterán, para participantes de 40 anos en diante ou que os vaian facer neste 2019. As tres primeiras corredoras e os tres primeiros corredores de cada categoría levarán trofeo. Tamén o haberá para a  veciña e o veciño de Moeche que completen o trail en menos tempo e, por último, premiarase con trofeo, medallas e queixos de Lácteos de Moeche ao equipo con máis compoñentes, sempre que indiquen no momento da inscrición que compiten en grupo. Ademais, todas as persoas que se apunten no trail levarán unha camiseta e entrarán no sorteo dun vale por un xantar para catro comensais a base de cocido na Taberna Irmandiños.

Tralo remate do trail e da andaina -previsto para as 12.30 ou 13.00h, dependendo do ritmo- estarán abertas as duchas da área recreativa de Souto Grande, onde se servirá un pequeno aperitivo gratuíto a base de fabada, pan e bebida para todas as persoas participantes, mentres que as acompañantes deberán pagar o prezo simbólico de 3€.

Cómpre mencionar tamén que participantes e familias -ou acompañantes- poderán visitar de balde o castelo durante o día e que a organización ofrecerá  servizo de gardería, gardarroupa e zona de aparcamento, ademais dunha completa reportaxe fotográfica do evento.

Regulamento en .pdf (inclúe trazado da andaina e do trail)
Web para formalizar a inscrición