O Concello de Moeche comezou este martes pola tarde a rolda de contactos que ten previsto manter nos próximos días coas empresas e profesionais do territorio de cara a establecer liñas de axuda que lles permitan compensar dalgún xeito -ou alomenos en parte- as perdas económicas causadas pola crise sanitaria. O primeiro encontro celebrouse na casa consistorial coa maioría dos hostaleiros e hostaleiras do municipio, quen fixeron unha primeira valoración da situación e tamén as súas previsións de apertura. Na maior parte dos casos van agardar a entrar na Fase 2, que xa permitiría atender a clientela no interior dos locais e non só nas terrazas, como ocorre neste momento. O Goberno local trasladoulles, como primeira medida, a posibilidade de que amplíen cunha simple comunicación previa o espazo destinado a mesas e cadeiras e ofreceulles equipamento de protección -máscaras, xeles e pantallas- se nestes momentos da desescalada non dispoñen dese material. Na xuntanza cos bares e restaurantes tamén se lles entregou unha guía resumida con todas as medidas hixiénicas e de prevención que deben adoptar para retomar a actividade. 

Neste primeiro encontro participaron o restaurante Delfino, a taberna Irmandiños, Casa Toñito, o bar Xambas, Ubaldo, A Terraza e o restaurante Casa Pena, ademais da alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a concelleira responsable de Desenvolvemento local, Cristina García. A reunión tivo lugar no salón de plenos gardando as distancias de seguridade, despois de que os propios hostaleiros optasen por unha xuntanza presencial por considerala máis operativa.

Tal e como explica Beatriz Bascoy, o obxectivo desta toma de contacto foi o de “coñecer a situación desde o punto de vista dos negocios e establecer unha canle directa de comunicación e colaboración”. De feito, na reunión fíxose unha composición de lugar sobre o alcance da crise, repasando cantos negocios se acolleran a ERTEs para o seu persoal ou cantos solicitaron as axudas extraordinarias para persoas autónomas, nas que se inclúe a exención do pagamento de cotas á Seguridade Social. “Os últimos dous meses, e o que aínda queda ata a Fase 2, supoñen un golpe económico moi duro, aínda que en xeral todas as persoas que asistiron á reunión se mostraron esperanzadas de poder superar o bache”, comenta a alcaldesa engadindo que “o Concello axudaralles no que poida tanto a eles e elas como ao resto de pequenos negocios que hai en Moeche”.

Marcar un sistema de axudas foi outro dos grandes asuntos do serán. Axudas que poden materializarse de maneiras moi distintas, non necesariamente con achegas económicas directas. Así, de cara ao arranque da desescalada, o Goberno local informou de que os locais lindeiros con vías municipais poderán ampliar a superficie dedicada a terraza con tan só comunicarlle ao Concello o espazo que necesitan. O consistorio tamén contactou a semana pasada coa Deputación da Coruña para que facilite a instalación de mesas e cadeiras ao carón da DP-4901 e fixo o propio coa Xunta no caso da AC-862. Trátase dunha medida opcional, xa que a maioría dos establecementos -agás o bar Ubaldo, que ten punto de venda de lotarías- teñen previsto agardar á Fase 2 para dispor de “máis seguridade e  concreción sobre como adaptarse á desescalada”, puntualiza Beatriz Bascoy. A este respecto, o Concello ofreceu equipamento de hixiene e protección como máscaras, xel hidroalcólico ou pantallas transparentes “se inicialmente non contan con este material ou se ven que vai haber demoras na subministración”.

No económico, o Concello ten intención impulsar unha liña de axudas que se nutrirá das partidas de convenios que non se van executar, como por exemplo a reservada para o 23 de abril ou a do Slálom de Moeche, suspendidos definitivamente para este 2020. Tamén se dedicarán á compensación dos efectos da crise as axudas reservadas para entidades sen fins de lucro, que se suplirán ofrecéndolles ás asociacións espectáculos e actuacións proporcionadas pola área de Cultura a través da Rede Cultural da Deputación. O Goberno local está  estudando  nestes intres cantos recursos económicos se poderán dedicar a axudas e como levar a cabo o seu encaixe legal e económico, que pasaría pola súa inclusión no orzamento municipal que se prevé levar a pleno en breve. Antes diso consensuarase coa hostalaría e o tecido produtivo cal debería ser a súa finalidade para que a liñas liñas municipais dirixidas a cada sector non se solapen coas postas en marcha polo Estado e as que poidan activar a Deputación ou a Xunta de Galicia.

No caso da hostalaría adoptouse o acordo de que as contías municipais se enfoquen “ao financiamento dos custos de adaptar os locais ás novas condicións en que deberán desenvolver a súa actividade. Agora desde o Concello daráselle encaixe  económico e legal para, coa maior brevidade posible, podermos executalas”, explica a alcaldesa.

Na xuntanza celebrada onte tamén se tratou a posibildade de suspender o cobramento de taxas e impostos de forma temporal. Unha opción para a que “non hai posibilidade legal”, indica Beatriz Bascoy. A rexedora informou de que a única posibilidade sería “un aprazamento do período de cobro” como se fixo cos recibos do lixo, do IVTM ou da auga “a pesar de que a Xunta de Galicia nos esixiu por escrito nos momentos máis duros do Estado de Alarma que lle cobrasemos o canon da auga aos veciños e veciñas para logo pagarllo a Augas de Galicia”.

Por último, Concello e hostaleiros acordaron levar a cabo accións de dinamización tan pronto como se vaia restablecendo un funcionamento máis ou menos normal dos locais. Neste sentido propúxose que a área de Turismo -que incorporará un técnico ou técnica con carácter temporal desde o 1 de xuño- deseñe rutas, accións promocionais e pautas sobre como posicionar mellor os establecementos ante un novo modelo que, segundo parece, apostará por destinos alternativos e polo denominado turismo slow.

A próxima xuntanza co tecido económico local terá lugar mañá citando ás catro perruquerías que hai no territorio. Para a semana manteranse encontros co comercio minorista e con outros autónomos e autónomas que prestan servizos profesionais nos seus respectivos establecementos.