Moeche amplía a rede de servizos de recollida selectiva coa instalación de colectores de téxtil e zapatos mediante un acordo de colaboración con Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Textil de Galicia S.L. (INS3RTEGA). Desde a Concellería de Medio Ambiente dáse un paso máis no  programa de reciclaxe e de redución de residuos que se foi ampliando con novos colectores de papel, de plástico e vidro, así como coa posta en marcha do servizo de recollida de voluminosos, a incorporación de colectores para o aceite doméstico e a distribución de composteiros.

O Concello instala colectores de téxtil e zapatos, inicialmente tres, mediante un acordo de colaboración con Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Textil de Galicia S.L. (INS3RTEGA), quen se encarga da adquisición dos colectores así como das operacións de traslado, reposición e mantemento.

Avánzase no camiño da redución e reciclaxe de residuos coa instalación destes novos colectores en tres puntos do concello: San Ramón, preto da escola e do supermercado, ao pé dos colectores xa existentes; Labacengos, no lugar da Igrexa; San Xurxo, no lugar do Pereiro. A instalación inicial de tres colectores de recollida selectiva de residuos téxtiles e zapatos será ampliada segundo o resultado que ofrezan estas primeiras localizacións.

Os residuos que se depositen nestes colectores- téxtiles de todo tipo e zapatos-  someteranse a unha operación de valorización, de modo que deixe de ser considerado un residuo, de acordo cos criterios establecidos na lexislación actual.

Una vez finalizado o proceso de valorización, o téxtil e o calzado que se considere apto será obxecto dun programa de doazón para o seu uso a través de programas sociais, ou ben reciclado para paneis de illamento, fíos e outros materiais; por outra parte, os restos de procesado, que non sexan aptos nin para reciclar nin para doar, desbotaranse.

Esta acción enmárcase no obxectivo de reducir o consumo de recursos naturais, reutilizar as prendas que estean en bo estado e reciclar os residuos para minimizar o impacto sobre o medio ambiente.

Moeche é un dos concellos asinantes do Pacto das Alcaldías, un  Pacto que naceu en 2008 impulsado pola Comisión Europea, e reúne a aquelas autoridades locais e rexionais que, de xeito voluntario, se corresponsabilizan para alcanzar no seu territorio os obxectivos en materia de clima e enerxía. Neste sentido Moeche aprobou no ano 2020 o seu PACES, Plan de acción polo clima e a enerxía sostible.  Nos últimos anos duplicouse o número de colectores de papel, de xeito que todas as parroquias dispoñan de máis dun punto de recollida selectiva de papel, ao tempo medrou o número de colectores de plástico e vidro e incorporáronse os de recollida de aceite doméstico e os composteiros domésticos. En paralelo, desde o 2015, está en funcionamento un servizo de recollida de voluminosos que o ultimo xoves de cada mes presta o servizo a aqueles domicilios que previamente o solicitasen no teléfono  do Concello, 981 404 006,  ou  a través do correo electrónico correo@moeche.gal .

Na mesma liña, o Concello recentemente presentou ás convocatorias de liñas de axuda un proxecto de ampliación de distribución entre a veciñanza de 60 novos composteiros.