O Boletín Oficial da Provincia deste xoves 28 de outubro dá conta da exposición pública da modificación da ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, máis coñecido como “contribución”, despois de que o Goberno local levase ao pleno ordinario da semana pasada unha proposta que inclúe novas e importantes bonificacións. Delas poderán beneficiarse, entre outras, as vivendas de protección oficial, as cooperativas agrarias e entidades que aproveiten a terra de maneira comunitaria, os inmobles dedicados exclusivamente á actividade agrogandeira ou forestal e incluso as instalacións propiedade de asociacións veciñais ou culturais onde se desenvolvan actividades abertas ao público. Dependendo dos casos, o desconto pode chegar até o 95% do importe íntegro do imposto. O acordo saíu adiante cos votos favorables do BNG e a abstención do PP. Se nos próximos 30 días de exposición pública non hai alegacións, as modificacións da ordenanza entrarán en vigor automaticamente. Cómpre ter en conta, iso si, que o Concello non aplicará de oficio as bonificacións, senón que será necesario que as persoas interesadas as soliciten. 

O Concello xa introducira variacións na ordenanza do IBI hai uns tres anos, de cara a rebaixar con carácter xeral a contribución rústica. Agora vai un paso máis aló incorporándolle unha batería de bonificacións tanto na rústica como na urbana coas que se pretende apoiar indirectamente a actividade do sector primario, a das entidades veciñais e mesmo promover a fixación de poboación con beneficios para as vivendas de protección oficial -ou equiparables- ou para quen aposte pola eficiencia enerxética mediante a instalación de paneis solares.

Así, no caso de futuras vivendas protexidas, establécese o dereito a acollerse á bonificación durante 6 anos tralo outorgamento da cualificación definitiva. Durante os tres primeiros anos o desconto será do 50% mentres que nos tres seguintes a bonificación na cota íntegra será do 25%. Por outra banda, aqueles domicilios que coloquen aparellos solares homologados para calefacción ou produción de electricidade, tamén poderán solicitar que o recibo da contribución se lles rebaixe á metade.

Cómpre ter en conta, porén, que tanto neste como nos outros supostos recollidos na ordenanza só se poderá gozar dunha única bonificación. Dito doutro xeito, os descontos non serán acumulables para un mesmo ben; e de podérselle aplicar máis dunha bonificación, sempre será a máis favorable para o suxeito pasivo.

Sector primario
Un dos apartados da ordenanza que traerá aparellado un maior beneficio social é o que se refire ás bonificacións para o sector primario. Cooperativas agrícolas e de explotación comunitaria da terra verán reducido o IBI rústico nun 95%, sempre e cando o soliciten.

Porén terán maior calado os descontos  para os inmobles nos que estean situadas construcións nas que se desenvolvan “total e exclusivamente” actividades agrarias, gandeiras ou forestais. Esas construcións deberán estar dadas de alta no Catastro e manter a súa finalidade para acceder a unha bonificación do 90%. Se na mesma parcela hai outras construcións destinadas a un uso distinto, a estas aplicaráselles o 50% de bonificación. No suposto de que a propiedade acolla algunha outra actividade económica á parte da agrogandeira ou forestal, a bonificación non se poderá conceder.

Para acollerse á rebaixa será necesario solicitala acreditando documentalmente que se cumpren os requisitos e, ademais, que o Concello aprobe en pleno a declaración  de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que así o xustifiquen. En virtude dese mesmo interese xeral tamén terán dereito a un 95% de bonificación da cota íntegra do IBI aqueles inmobles propiedade de colectivos sociais de Moeche onde se desenvolvan actividades culturais de acceso público.

Polo demais, a Ordenanza fiscal reguladora do IBI mantén a súa redacción actual en canto a tipos de gravame -que non soben- e exencións, como son as dirixidas aos bens que polo seu reducido tamaño terían unha cota insignificante ou -máis importantes- as que benefician ás familias numerosas.

Solicitudes
Tal e como viñemos contando ata este punto, para acollerse ás bonificacións é necesario solicitalo unha vez que a modificación da ordenanza entre en vigor. Se non hai alegacións o trámite completarase en 30 días contados desde hoxe mesmo.

É moi importante ter presente ese prazo, xa que os descontos se aplican no seguinte período de devengo de cada imposto e, por esta razón, se se quere gozar das bonificacións xa para o ano 2022 haberá que presentar as solicitudes e a documentación requirida a partir da entrada en vigor da ordenanza e con marxe para que o Concello as aprobe en pleno, respectando os prazos establecidos na mesma. Do mesmo modo, todas as solicitudes que se aproben a partir do 1 de xaneiro de 2022 terán efecto en 2023.

Texto íntegro da ordenanza modificada (.pdf)