O departamento municipal de Servizos recepcionou hai uns días a nova rozadoira mecánica que se dedicará, principalmente, á limpeza da rede viaria. Trátase dun equipo do fabricante italiano GL1 subministrado pola empresa HITRAF S.A., como ganadora do concurso público convocado en novembro pasado polo Concello co obxectivo de renovar un apeiro fundamental no parque de maquinaria para levar a cabo labores de mantemento  e de prevención de incendios. O importe total do investimento ascende a 33.275 euros, IVE incluído, sufragados integramente con fondos municipais. O brazo rozador xa está instalado nun dos tractores municipais e empezará a utilizarse á volta duns días, tan pronto como se complete a formación do persoal municipal sobre o seu manexo.

Moeche, coma todos os concellos rurais de Galicia, ten unha extensa rede de pistas que cómpre manter nas mellores condicións posibles para garantir a seguridade do tráfico e peonil, pero tamén para evitar que a propagación dun incendio lle afecte á circulación ou, peor aínda, que os lumes poidan iniciarse á beira dun camiño mal rozado.

O departamento de Obras e Servizos conta con dous tractores con cadansúa rozadoira mecánica, aínda que unha delas xa estaba moi deteriorada despois de anos de trote. De feito, nos últimos tempos o Concello tivo que afrontar reparacións custosas que ademais tamén supuxeron retrasos no calendario anual de desbroces viarios e das faixas de protección arredor de instalacións e equipamentos municipais.

Esa foi a razón de iniciar o expediente de contratación dun novo brazo que fose máis potente, eficiente e doado de utilizar. A licitación do novo apeiro orzamentouse en 35.000 euros, xa co IVE, cuxo prezo final de adxudicación se situou nos 33.275 da oferta ganadora, presentada pola empresa HITRAF S.A. atendendo aos requisitos técnicos e económicos dos pregos.

A máquina adquirida é un brazo lateral articulado da marca italiana GL1, concretamente un modelo Komfort 5500. O cabezal ten un ancho de 1,25 metros e pode operar a distancias variables  entre os 2,1 metros -pegado á roda do tractor- e os 5,60 metros que se alcanzan co brazo estendido en horizontal. En vertical (se fixese falla para mondar silveiras ou pólas moi altas) o cilindro de coitelas xiratorio podería subir ata os 6,45 metros.

Outras características do aparello son un sistema de seguridade contra obstáculos, radiador refrixerante do líquido hidráulico e o control mediante un mando electrónico -un joystick– cuxa montaxe non require facer modificacións na cabina nin no bastidor. Ademais de facer máis cómodo o traballo do operario, esta configuración facilita que o brazo poida cambiarse de tractor sen demasiada complicación.

A máquina recepcionada recentemente polo Concello empezará a traballar polo territorio dentro duns días, xa que cómpre ofrecerlle ao persoal municipal o correspondente curso sobre o seu manexo e sobre o programa de mantemento. O equipamento vén cunha garantía de 3 anos estimada para unha carga de traballo de 1.000 horas anuais.