Aproveitando o parón escolar do Nadal, o Concello de Moeche está levando a cabo varias obras no CEIP San Ramón, co obxectivo de mellorar as condicións en que se desenvolven as actividades educativas. Así, dentro do plan de conservación das instalacións, o consistorio fixo varias reparacións na cociña e máis no comedor, ademais de mercar un deshumidificador para a biblioteca, onde tamén se instalou tarima flotante e está previsto renovar a pintura exterior para evitar filtracións. O importe dos traballos aproxímase aos 5.000 euros. Porén, o Goberno local insiste, unha vez máis, en que o centro precisa “urxentemente” a reparación da cuberta e de todo o illamento exterior. Obras de grande envergadura que debe acometer a Xunta de Galicia e que “seguen sen ser atendidas”, malia ter sido reclamadas de maneira recorrente polo Concello nos últimos anos.

Tal e como lembra a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a intervención no tellado é unha demanda histórica que se levou a Pleno e se lle presentou a Educación formalmente en dúas ocasións. “Fai falla retirar a antiga uralita de fibrocemento, prohibida desde hai máis de vinte anos. Ademais, a cuberta está tan deteriorada que xa é imposible seguir poñéndolle parches para evitar as goteiras”.

Bascoy engade que debido ás filtracións xa se viu afectada a aula de informática e que nalgúns puntos do inmoble “houbo que poñer caldeiros para recoller a auga que entra, sobre todo en días de tanta chuvia como tivemos neste outono e no que levamos de inverno”.

Ademais das dúas demandas aprobadas polo Pleno, a alcadesa puxo o problema enriba da mesa nas diferentes reunións que mantivo na Xefatura territorial de Educación na Coruña ao longo destes anos. Máis recentemente, no mes de xuño e a comezos de decembro, tamén llo trasladou á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. “A delegada asegurounos que estaba sobre o tema e que xa lle pasara a nosa petición a Educación. A nosa percepción, esperemos que equivocada, é que a reparación do CEIP San Ramón anda bailando de aquí para aló nos despachos da Xunta mentres nós e a comunidade educativa levamos máis dunha década agardando unha solución”, critica a rexedora.

As obras maiores nos centros de ensino son responsabilidade da Xunta de Galicia, mentres que as Administracións locais, como é o caso do Concello de Moeche, “só podemos ocuparnos dos labores de mantemento e de obras de escasa entidade, por unha cuestión de recursos e de competencias”. “Os centros de  ensino son fundamentais para garantir a calidade educativa e para manter vivo o rural. Que a Xunta non afronte o problema que temos na escola de Moeche é algo gravísimo, e máis aínda cando está anunciando investimentos millonarios noutros puntos da comarca, principalmente en centros urbanos”.

Outras reparacións pendentes
Alén da demanda dunha nova cuberta -á que tamén se lle engade a da renovación da envolvente do edificio-, desde o Goberno local de Moeche tamén se denuncia que a Consellaría aínda non lle deu solución ao grande oco aberto no baixo da escola.

As obras de reparación comezaron hai varios meses e víronse ralentizadas “por causa de varios imprevistos”, explica Bascoy, aínda que para o Executivo modestino o problema non son tanto as demoras como “o perigo que supón para a rapazada tal e como está todo, sen proteccións e cos cascallos ao alcance de calquera pequeno, así como os restos de gasóleo vertidos na zona de herba despois de reparar a caldeira”.

Cerca de 5.000 euros de investimento municipal
Pola súa banda, o Concello está ultimando varios labores de mantemento no centro de ensino, cun investimento que se aproximará, unha vez rematen, aos 5.000 euros. Durante as vacacións botouse un novo chan de tarima flotante na biblioteca e fixéronse reparacións na cociña, nas portas e no comedor. Cando o tempo mellore tamén está previsto tratar e pintar o exterior da biblioteca para evitar as filtracións. Ademais, de cara a reducir a humidade neste espazo, tamén se mercou un deshumidificador.