O Concello acaba de publicar a licitación das obras de mellora da nave do polbo de San Ramón por un importe de 97.168,34 euros financiados con cargo aos fondos do Plan complementario da Deputación da Coruña. Os traballos buscan renovar por completo as instalacións co obxectivo de adaptalas á normativa sobre accesibilidade, ademais de facerlles un profundo lavado de cara exterior e interior que levará aparellado o cambio da cuberta, das carpintarías e a construción duns novos aseos. Deste modo preténdese reconverter a nave nun lugar con mellores condicións de uso -incluso máis aló da súa función como espazo para degustar polbo e churrasco os días de feira- e cun aspecto que siga a liña doutras construcións do recinto reparadas en exercicios anteriores, como son a Nave do Mercado, o edificio de oficinas para entidades ou, máis recentemente, o Centro de apoio ao Medio Rural “A Fusquenlla”, situado na antiga nave dos queixos. 

Os pregos administrativos e técnicos do concurso público encóntranse desde hoxe mesmo na Plataforma de Contratos co Sector Público, dándolles ás empresas interesadas  até as 23:59h do día 16 de setembro para presentaren as súas ofertas por vía telemática.

O prezo de saída estipúlase no proxecto en algo máis de 67.482,70 euros máis 16.863,93 euros de IVE, cos que se levarán a cabo varias actuacións. A máis importante é a retirada da vella cuberta de fibrocemento e o seu cambio por outra de tipo “panel-sandwich” similar á xa instalada nos outros edificios rehabilitados. Tamén se substituirán as fiestras e portas, amañarase o chan, pintarase o edificio por dentro e por fóra e refarase por completo a instalación eléctrica e da fontanaría.

Con estas operacións a nave do polbo renovará por completo a súa imaxe. Pero hai máis, xa que o edificio tamén se adaptará á normativa de accesibilidade preparando unha entrada sen barreiras arquitectónicas pola súa parede sur e construíndo uns aseos con dimensións axeitadas que, ademais de ser novos, poidan ser utilizados por persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas.

Segundo apunta Beatriz Bascoy, as obras son “un paso máis” na renovación de San Ramón, para o que, ademais, o Concello ten redacción un proxecto que abranguerá todo o recinto. No caso concreto da nave do polbo tamén se pretende que “teña unhas instalacións modernas e axeitadas á actividade que acolle, como espazo para tomar o polbo ou unha ración de churrasco os días de feira”.

A alcaldesa engade que a reparación do inmoble significará que tamén se poida utilizar para outro tipo de eventos. “A Nave do Mercado cumpre perfectamente cando se trata de actos nos que se prevé moito público, pero hai outros cunha concorrencia máis reducida que quizais terían bo acomodo nun espazo máis pequeno como é a nave do polbo. O que queremos é reparala porque lle fai moita falta, pero tamén buscamos que despois se lle dea o máximo uso posible, ademais do que xa tiña”, comenta a alcaldesa.