Os Reis Magos levan varios anos chegando a Moeche moi cedo. E este 2025 que imos estrear nuns días non vai ser menos. Para iso o Concello tenlles organizada unha recepción ao Reis Magos de Oriente á altura da súa espectacular maxia e ilusión; comezará o venres 3 ás 17.30h. na nave do Mercado cunha festa infantil chea de xogo, música e outros divertimentos.

Que os Reis Magos de Oriente pasen o día 3 por Moeche ten como vantaxe que a rapazada non terá que andar apurada na noitiña do 5 tentando achegarse a eles para recordarlles o que xa lles escribiron nas cartas. É ademais Melchor, Gaspar e Baltasar xa enviaron recado de que van parar con tempo, así as nenas e nenos os terán para si un bo tempo, de maneira que a atención personalizada por parte das SS.MM. estará totalmente garantida.
O Concello conta coa colaboración da A.VV Labacengos e da ANPA do CEIP San Ramón. Na festa de benvida que merecen haberá, desde as 17 30h, música, un obradoiro de maquillaxe, inchables, etc.,para pasármolo moi ben mentres agardamos polas Súas Maxestades de Oriente.
Os Magos de Oriente chegarán á nave do mercado sobre as 19.15 h., momento no que atenderán unha por unha todas as peticións de última hora e recordatorios do escrito nas cartas que xa andan en Correos. Non faría falla, xa que Melchor, Gaspar e Baltasar a estas alturas teñen anotado mentalmente o que deben traerlle a cadaquén. Pero iso non quita de que cumpran coa tradición de compartir coa cativería un momento marcado a partes iguais pola ilusión e a emoción.

As SS.MM. botarán en Moeche o tempo necesario para falar con todas as nenas e nenos que asistan á festa, na que o Concello ofrecerá a partir das 18.30h. un saboroso chocolate con churros elaborado pola A.VV. Labacengos. Logo marcharán para facer noite e descansar nalgún lugar segredo antes da intensa xornada do domingo, cando reaparecerán simultaneamente en todas as cabalgatas da volta.