Deseño de videoxogos, robótica e graffiti. Esas son as tres actividades que propón o Concello dentro do programa “Activa o teu verán” para encherlles as mañás dunha forma diferente ás mozas e mozos que andan entre os 12 e os 18 anos. O ciclo comezará a mediados da semana que vén pola robótica -do 28 ao 30 de xullo-, logo tocaralle aos videoxogos -do 2 ao 5 de agosto- e finalizará os días 11 e 12 coa decoración “graffiteira” dun dos muros do CEIP San Ramón. Cada un destes obradoiros oferta un máximo de 10 prazas e a xuventude terá a oportunidade de apuntarse ao que máis lle interese -7€ cada un- ou ben coller o paquete completo por 16€. As inscricións para actividades concretas poden facerse até o día antes de empezar -sempre que haxa prazas dispoñibles-, mentres que se se elixe a opción dos tres obradoiros haberá que enviar a correo@moeche.gal a folla de solicitude debidamente cuberta e o resgardo do ingreso bancario o día 27 de xullo como moi tarde. As inscricións tamén poden facerse presencialmente na Casa do Concello en horario de mañá.

Os tres obradoiros promovidos polo Concello responden ás suxestións formuladas polo Grupo de Participación Infantil do CLIA, quen xa puxo de manifesto en varias ocasións a necesidade de organizar actividades específicas para a adolescencia e a mocidade, sobre todo durante o verán e os períodos vacacionais.

A Concellaría de Infancia e Mocidade recolleu a encomenda como orde e, por esta razón, encargou un programa adaptado aos intereses da cativería que empezará o día 28 de xullo co obradoiro de robótica. Durante a actividade -que se prolongará até o día 30 en horario de 11 a 13.00h– as e os participantes traballarán en equipo levando a cabo un proxecto de construción e programación dun aparello capaz de facer por si distintos movementos e operacións. Utilizaranse kits Lego Education e, despois, cada equipo deberá poñer a proba o seu robot nunha especie de competición por ver cal se desenvolve mellor superando varios retos. Este obradoiro desenvolverase na Nave do Mercado.

A segunda proposta -o 2, 3, 4 e 5 de agosto, de 10 a 13.00h– terá lugar na aula de informática do Concello centrada na planificación, deseño e programación dun videoxogo. Será un proxecto sinxelo cos seus escenarios gráficos, con personaxes que reaccionan aos mandos -ademais de seguir pautas de resposta propias- e, na parte creativa, a mocidade terá case total liberdade para compoñer as súas propias historias. Só hai dúas condicións: deberán ser aventuras relacionadas coa educación en valores e os xogos non poderán ser violentos.

O terceiro obradoiro de “Activa o teu verán”, o de graffiti, será tamén o máis curto, xa que se desenvolverá os días 11 e 12 de agosto en horario de 10 a 14.00h. O lugar elixido neste caso é a parte traseira do CEIP San Ramón. O grupo de participantes concibirá a idea -cun trasfondo social e educativo axeitado ao entorno-, fará os bocetos iniciais e logo aprenderá a trasladalos á parede cunha escala que se axuste á superficie dispoñible. O último será o pintado propiamente dito, manexando as mesmas técnicas que se usan habitualmente na arte urbana.

As inscricións poden facerse nunha, en dúas ou nas tres actividades programadas. O prezo individual de cada obradoiro son 7€ (as reservas poden facerse até a véspera), mentres que quen se anote nas tres propostas só deberá aboar 16€ (hai que anotarse o día 27 como moi tarde). É obrigatorio presentar no Concello a folla de inscrición xunto co resgardo do pagamento, algo que pode facerse presencialmente ou a través de correo@moeche.gal.