Persoal municipal traballa estes días nas instalacións do CEIP San Ramón para levar a cabo distintas tarefas de mantemento e mellora das instalacións, co obxectivo de que estean en orde de revista para o inicio dun curso que promete ser atípico debido ás medidas preventivas da COVID-19. Os labores céntranse no adecentamento exterior tras varios meses de peche do recinto, pero tamén en pequenas obras e reparacións solicitadas pola dirección do centro. Ademais destas actuacións, o Concello xa ten solicitado que a Unidade Técnica da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación se achegue até Moeche para valorar o estado das instalacións e informar sobre as previsións da Xunta para levar a cabo obras de maior envergadura consideradas como necesarias polo Goberno local e a comunidade educativa. Neste sentido, e como resultado da inspección previa ao comezo dos traballos de mantemento, o Concello tamén lle comunicou ás autoridades educativas a detección de dúas fendas na zona do comedor, coa finalidade de que a Consellaría analice o seu alcance e busque unha solución urxente.

Segundo informou o persoal do centro escolar, hai tan só 15 días no comedor non se observaba ningunha regaña e foi o persoal municipal que traballa estes días no mantemento da escola quen advertiu os danos en dúas das columnas das fiestras. O Goberno local xa informou dos desperfectos á Unidade Técnica de Xestión da Xefatura Territorial de Educación, quen enviará persoal experto en estruturas para ver no sitio o alcance do problema.

A visita realizarase o xoves pola mañá, no marco dunha xuntanza que xa estaba solicitada previamente para abordar outras necesidades do centro que exceden a competencia municipal. En concreto falarase das demandas expresadas en varias ocasións polo Concello e a dirección da escola -das que a Xunta xa ten constancia- relacionadas coa substitución da fontanaría, coa colocación de novos canalóns e baixantes ou co peche con paneis do acceso principal, creando así un pequeno espazo de agarda a salvo da auga que, ademais, tamén evite perdas de calor e axude a aforrar en calefacción.

“Desde que abriu as súas portas, hai máis de 40 anos, no CEIP San Ramón fixéronse principalmente traballos de mantemento. Levamos anos demandando actuacións que corrixan problemas que se están repetindo constantemente e tamén outras que melloren as condicións de todo o centro, como a substitución da cuberta, e o cambio de radiadores e tuberías ou de fiestras, investimentos que debe acometer a Xunta”, explica Beatriz Bascoy.

As competencias do Concello limítanse ao mantemento do edificio e, neste sentido, o equipo directivo trasladoulle ao Goberno local un completo listado de cousas para facer antes do inicio do curso. O maior número de encomendas refírense ao pintado de portas e dalgunhas aulas -sobre todo as afectadas por filtracións-, ademais do forrado de varias paredes con rolla e/ou materiais illantes. Tamén se contempla amañar o entarimado da biblioteca e a revisión -e substitución, se é necesario- de elementos deteriorados, como por exemplo pulsadores e billas nos aseos, manillas de portas e fiestras ou o cambio das vellas papeleiras do exterior.

En todo o centro farase unha limpeza xeral en profundidade, por dentro e por fóra. Nos patios comprobarase o estado dos xogos infantís, das pistas e do mobiliario deportivo. Tamén se eliminarán herbas, follas e pólas -xunto co adecentamento das zonas axardinadas- e varrerase toda a superficie para retirar pedras e outros materiais acumulados nos últimos meses.

Xuntanza co equipo directivo
O Goberno local manterá o venres a primeira hora da mañá unha xuntanza coa dirección do CEIP para informar sobre o avance dos traballos e tamén sobre as cuestións tratadas a véspera coa Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación. Porén, o principal contido da reunión será a aplicación do protocolo preventivo que ha de adaptarse ás necesidades do centro para o comezo do curso.

No caso de Moeche será o Concello quen deba asumir a parte relacionada coa limpeza e desinfección das instalacións. Segundo o protocolo marco da Xunta de Galicia será obrigatorio facer tarefas de desinfección, ademais da habitual limpeza diaria das instalacións, repasar tres veces ao día os espazos que o precisen por mor da intensidade do uso -os aseos, por exemplo- e limpar con desinfectante e coa mesma frecuencia as superficies de contacto máis frecuentes, como manillas de portas, mesas, varandas, mobles, etc.

Na xuntanza coa dirección do centro tamén se decidirá que facer coas actividades extraescolares, suxeitas ao deseño dun protocolo específico que se consensuará coa ANPA.