O Concello de Moeche presentou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Supremo de Xustiza contra o acordo do Consello de Ministros, polo que se lle outorga a ENEL Green Power España, SL, A autorización administrativa previa das modificacións e autorización administrativa de construción para o Parque Eólico Moeche, de 50,4 mw de potencia instalada, e as súas infraestruturas de evacuación.

A resolución foi publicada no Boletín Oficial del Estado número 208, de data 28 de agosto de 2024 e o Concello presentou recurso contencioso administrativo en prazo ante o Supremo, logo de ter presentado o pasado ano recurso de alzada, o que lle permitía acudir ao contencioso administrativo.

A presentación deste recurso é un paso máis dun longo percorrido, alegacións, recurso de alzada tanto no P.E. Moeche como on Badulaque, xuntanzas informativas, xuntanza pública coa veciñanza e con ENEL, xuntanzas cos representantes tanto do Goberno do Estado como da Xunta de Galicia.

Desde o Concello considérase unha obriga procurar modificar ou frear esta chegada de macroproxectos xa que, se ben a enerxía eólica, como renovable, é positiva “deixa de selo,indica a alcaldesa, cando chega sen planificación e con escurantismo, situando muíños de 200 metros a 500 metros das súas vivendas, non xera ningún beneficio social e económico malia explotar un ben propio e transformar negativamente o territorio , chega recoñecendo que non xerarán postos de traballo permanentes, chega sen ter en conta os sectores produtivos como o gandeiro ou o forestal e tal e como nos trasladan ,moito veciños, apurando para que asinen as autorizacións de uso das parcelas cando aínda están sen identificar tralas modificacións do proxecto”

Hai unhas semanas, o Goberno municipal de Moeche informou nunha reunión coa veciñanza sobre a presentación deste contencioso así como do recurso de alzada no caso do Badulaque , e principalmente, dos pasos que a empresa promotora debería dar proximamente tal e como os responsables da Area de Industria de Enerxía da Delegación do Goberno lle trasladaron nunha reunión coa alcaldesa na Casa do Concello.

Desde o Concello incidiuse na importancia de agardar a que se vaian dando os pasos xa que o Parque Eólico aínda non foi declarado de utilidade pública, un trámite necesario, e agardar pola publicación da totalidade das parcelas afectadas dado que o proxecto orixinal sufriu varias modificacións e non está publicado o definitivo asi como a importancia de analizar detalladamente as condicións antes de asinar calquera documento.

Asi mesmo, o Goberno municipal presentará en Pleno a declaración de rexeitamento acordada cos concellos de Ortigueira, Mañón, Cerdido e San Sadurniño, concellos que tamén se comprometeron a presentala nos respectivos plenos, e coas plataformas da comarca do Ortegal – Ortegal di Non, Cerdido di Non e TEX Moeche-.

Desde a Alcaldía solicitóuselle á Delegación do Goberno na Coruña o proxecto definitivo, especialmente a cartografía, tanto do P. Eólico Moeche como do Parque Eólico Badulaque , que a día de hoxe está sen publicar.