O próximo día 8 conmemórase o Día Internacional da Muller, unha data marcada no calendario para reivindicar unha igualdade real da muller en todos os eidos da sociedade. Unha igualdade de dereitos e de oportunidades que, malia que se fai máis visible nestas datas, constrúese desde o traballo diario de todas.

Nesta crise da Covid-19 xurdiron novos atrancos que se suman ás barreiras estruturais e normais sociais discriminatorias existentes e que frean a participación e o liderado das mulleres na sociedade A pesar dos avances as mulleres atópanse con máis dificultades no acceso ao mercado laboral, desigualdades salariais, e barreiras invisibles para acceder a postos de responsabilidade. A isto súmaselle o traballo de coidados tradicionalmente asignado ás mulleres, traballo non remunerado e en moitas ocasións non recoñecido e invisibilizado.

Esta crise fixo visible a achega esencial das mulleres e as cargas desproporcionadas que soportan, na primeira liña como traballadoras da saúde, coidadoras, innovadoras e organizadoras comunitarias. Por iso este ano, unha das propostas do Concello con motivo do Día Internacional da Muller é a homenaxe a todas as nosas mulleres, poñéndolle nome e cara a cada historia, coa campaña nas redes sociais #asimprescindibles

Seguro que xa vos veñen ao pensamento mulleres que son referentes na vosa vida, ás que admirades, coas que compartides, as vosas imprescindibles. A vosa avoa, nai, irmá, amiga, curmá, tía, veciña ou compañeira. Se tes facebook durante a semana do 1 ao 7 de marzo, publica unha foto ou vídeo e cóntanos quen son as túas imprescindibles e por que, lembra usar a etiqueta #asimprescindibles e etiquetar ao facebook do Concello na publicación. Para os que non teñades redes sociais, podedes envialo a concellodemoeche@gmail.com.

O día 8 de marzo desde a páxina de facebook do Concello, realizarase unha recompilación de todas as vosas publicacións nun álbum homenaxe, todas as participantes entrarán nun sorteo de varios agasallos.

A programación municipal do Día da Muller finalizará o domingo 14 de marzo no Francisco Piñeiro, ás 18.00h coa obra Bravas: unha historia das nosas mulleres, na que Isabel Risco fai un percorrido pola historia das mulleres galegas, para rachar co silencio e a invisibilidade.

No caso de que o aforo do centro cultural siga limitado, a sesión poderá seguirse en streaming a través da páxina en Facebook do Concello de Moeche. As persoas que queiran asistir poden ir reservando xa as súas localidades no 981 404 006 ou enviando unha mensaxe a correo@moeche.gal.