Desde 2016, o Concello de Moeche está levando a cabo unha completa remodelación do recinto feiral de San Ramón co obxectivo de modernizar as súas infraestruturas e convertelas nun polo de desenvolvemento rural. A nave do Mercado, o centro de transformación A Fusquenlla, a nova iluminaciòn da parte superior,  acondicionamento dos locais para entidades, o aglomerado da zona sur e leste e, máis recentemente, a reparación integral da nave do polbo, foron as principais melloras dun plan a longo prazo que se está levando a cabo na medida en que vai habendo achegas doutras Administracións. Neste sentido, o Concello de Moeche ten deseñado un macroproxecto cuantificado en máis de 3,6 millóns de euros para completar o arranxo de todo o espazo, facéndoo máis accesible e dotándoo de todo o necesario para dinamizar a vida económica e social. A primeira fase do proxecto, que o consistorio presentou ás axudas dos fondos de recuperación Next Generation, consistirá na reforma da nave dos cabalos como punto de encontro para o tecido asociativo e espazo relacionado coas TIC e iniciativas de desenvolvemento que, ademais, manteña o seu cometido comercial de proximidade. O investimento previsto ascende a máis de 1,1 millóns de euros.

A primeira fase do macroproxecto de transformación de San Ramón denomínase Centro de Dinamización Económica e Social Rural TIC “CEDES Rural TIC” e comprendería tanto a remodelación da nave dos cabalos como a reurbanización dos seus arredores para crear dous novos espazos públicos que sexan a un tempo máis accesibles e lugares de encontro nos que mesmo poder desenvolver espectáculos e actividades ao aire libre.

No que se refire á nave, a intervención prevé substituír a cuberta -igual que se fixo xa noutras dependencias- e eliminar a maior parte das paredes, deixando unh grande espazo diáfano flanqueado por 10 locais con distintas superficies, 8 deles pensados como oficinas de coworking e para as entidades do municipio e os outros 2 como salas de formación e reunión, coa previsión de que un deles acolla unha aula TIC totalmente equipada e un centro de teletraballo público e gratuíto.

Ademais da infraestrutura construtiva e o equipamento, o edificio tamén levaría modernos sistemas de conexión sen fíos de alta velocidade mediante tecnoloxía LoRawan e, de cara á súa eficiencia enerxética, contémplase a instalación de ata 24 paneis solares fotovoltaicos. E é que a transformación tecnolóxica e a sostenibilidade ambiental son dous dos principais obxectivos que perseguen as axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -os fondos Next Generation- canalizadas no caso da nosa zona dentro do plan de transición enerxética da comarca das Pontes, ao que Moeche solicitou acollerse formalmente o pasado 2 de agosto.

A terceira pata do plan é a relacionada coa dinamización social, e de aí que o proxecto municipal para a nave dos cabalos e a súa contorna –cifrado en 1.123.556,43€– estea concibido como un espazo “onde as pequenas e medianas empresas e as asociacións teñan un lugar axeitado para a súa actividade”, sinala Beatriz Bascoy. A rexedora engade que esta primeira fase para a que se agarda obter financiamento “pretende contribuír á transformación dixital, reducir a fenda dixital con respecto ás zonas urbanas e tamén entre mulleres e homes e crear un espazo axeitado para que o pequeno comercio de proximidade poida aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías de comunicación de banda ultralarga, entre elas a chamada ‘internet das cousas'”.

Tal e como reflicte do deseño da primeira fase do proxecto, o “CEDES Rural TIC”, a dotación de locais para as asociacións do municipio “que compartirían espazo, mellorando así a súa relación e as posibilidades de colaboración”, apunta Beatriz Bascoy, deixaría libres as actuais dependencias da oficina agraria, que tamén se acondicionarían para acoller un recinto “pop-up”, pensado como pequeno centro comercial temporal “de tendas efémeras que poden ser utilizadas en períodos curtos de tempo por pequenas produtoras e produtores ou empresas que estean empezando, para mostrar os seus produtos ou servizos sen necesidade de contar cun local fixo”, explica a alcaldesa.

Dúas ágoras no exterior
A reparación dos inmobles acompañarase dunha completa reurbanización dos seus arredores para ganar en accesibilidade e en posibilidades de uso do espazo aberto dispoñible, ampliando deste modo a función sociocultural da superficie baixo cuberta.

Por iso o deseño arquitectónico propón salvar os desniveis con respecto á explanada da feira de dúas maneiras: no espazo entre a nave do polbo e a dos cabalos construiríanse rampas, escalinatas e tres bancadas de obra situadas fronte a unha pequena praza rectangular, mentres que na esquina suroeste da nave ecuestre (a que dá ao aparcadoiro) a diferenza de alturas aproveitaríase para construír un anfiteatro con catro chanzos para o público.

Primeira actuación dun proxecto en cinco fases, entre elas unha pista de andadura para cabalos
O Concello de Moeche presentou esta intervención á primeira convocatoria dos Fondos Next Generation agardando obter o financiamento europeo necesario para poder levala a cabo. “O proxecto está moi meditado, está ben deseñado e responde a todos os obxectivos que se queren promover cos fondos para a recuperación e a resiliencia”, asegura Beatriz Bascoy.

Ademais, segundo destaca a rexedora, “o Concello non está só, senón que conta co apoio expreso de todo o tecido asociativo, do Consello Local da Infancia e a Xuventude, da ANPA do CEIP San Ramón, do Proxecto O Lavadoiro, dos concellos implicados na Fusquenlla e da asociación xestora do Proxecto de Xeoparque”.

A conversión da antiga nave dos cabalos no  Centro de Dinamización Económica e Social “CEDES Rural TIC” forma parte dun programa moito máis ambicioso que, en total, alcanzaría un investimento de 3.650.027,97 euros e que comprendería outras catro fases máis “para seguir afianzando o recinto feiral de San Ramón como  referente comarcal do comercio de proximidade e de innovación no desenvolvemento rural”.

As seguintes fases da modernización de todo o conxunto centraríanse na adecuación dos espazos entre todas as naves e na súa humanización con zonas verdes e de lecer, ademais de crear novos aparcamentos, reparar as naves de almacenaxe  e acondicionar todos os viais perimetrais.

Dentro deste plan a grande escala para executar nos próximos exercicios, sempre e cando haxa financiamento, tamén está recollida a estimación económica para a construción dunha pista de andadura para cabalos de 3.200 m2 de superficie (320 metros de perímetro exterior e 220 metros no borde interior), nunha leira de 15.100 m2 situada preto do recinto, no outro lado da rúa Cristo do Rañal. Esta obra, que podería executarse antes que outras fases, “habilitaría un espazo axeitado para a feira do cabalo sacándoa da estrada provincial e tamén podería ser utilizada de maneira permanente como lugar de adestramento e doutras actividades ecuestres”, conclúe Beatriz Bascoy.