Todo está practicamente listo na antiga nave dos queixos de San Ramón, agora reconvertida en Centro comarcal de apoio ao Desenvolvemento rural no que se poderán transformar e elaborar excedentes, pero tamén mellorar a capacitación e crear sinerxias que axuden a comercializar os produtos de calidade da zona. Esa é a filosofía dunhas instalacións cofinanciadas polo Leader, a Deputación da Coruña, a Consellaría do Medio Rural e os catro concellos implicados -Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño- cun investimento superior aos 240.000 euros. O Concello de Moeche, como titular das instalacións e encargado da licitación tanto da rehabilitación da nave como do seu equipamento, recepcionou hai escasos días unhas obras consistentes no acondicionamento e redistribución dos espazos do edificio, así como na adquisición de todo o material necesario para procesar e envasar, entre outros produtos, zumes, mel e conservas vexetais. Agora os concellos promotores definirán un regulamento de usos e de xestión orientado a que calquera persoa poida empregar as instalacións, que se integrarán na rede de coworking da Deputación da Coruña.

O proxecto é unha iniciativa de ámbito comarcal que busca facilitarlle á pequena produción unhas instalacións axeitadas e con todos os aparellos precisos para a conservación e envasado de horta, froita, zumes e mesmo mel. Na práctica funcionará como unha pequena planta de elaboración de excedentes agrogandeiros dotada de todo o necesario para garantir a calidade do produto final e unha absoluta seguridade alimentaria. A idea botou a andar hai catro anos, aínda que empezou a dárselle corpo a finais de 2018 coa sinatura dun acordo entre Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño de cara a deseñar unha proposta máis elaborada e cun alcance territorial máis amplo.

O convenio subscrito entre os catro municipios limítrofes foi decisivo para obter a máxima puntuación na convocatoria do programa Leader xestionado polo GDR Seitura 22, pero tamén para recabar financiamento doutras administracións, como foi o caso da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural.

Neste sentido, a Deputación da Coruña achegará 88.794 euros para as obras -o 65,6%-, mentres que os 46.500 euros restantes se sufragarán con parte da achega do LEADER tramitada a través da Asociación Seitura 22. De feito, os fondos europeos asignados ao proxecto tamén cubriron o 100% dos manuais e da adaptación ao cumprimento da normativa sanitaria -5.400€- e ata o 90% da compra e instalación do equipamento, que se aproximou aos 82.000 euros -2.000 euros asúmenos os catro municipios-, mentres que Medio Rural comprometeu 12.000 euros para a redacción do proxecto técnico.

Dentro das instalacións hai varias zonas de traballo para dar resposta a distintos sectores. Así, no caso do envasado de mel instalouse unha desoperculadora semiautomática, un extractor, un madurador con capacidade para 200 quilos de produto e unha envasadora, ademais doutros utensilios e ferramentas.

Outra das dependencias ten como función a recepción e almacenamento de materia prima hortofructícola. Para iso instalouse unha cámara frigorífica, unha báscula e material de lavado, coa finalidade de preparar previamente á súa elaboración os excedentes de froita e vexetais.

O edificio conta, ademais, cunha grande cociña industrial, lavalouzas, equipamento de esterilización e envasado que permitirá producir conservas e zumes cumprindo coa normativa sanitaria e de trazabilidade.  Completan a reforma e dotación da antiga nave dos queixos varios espazos dedicados a oficinas, aseos e vestiarios.

O edificio concibiuse inicialmente como un centro de transformación alimentaria impulsado por Moeche e San Sadurniño que, trala confirmación da participación provincial e dos concellos de Cerdido e Valdoviño, pasou denominarse Centro comarcal de apoio ao Desenvolvemento rural integrado na rede de espazos de “coworking” da Deputación da Coruña xa abertos en Ames, Boiro, Brión, Carballo e Oleiros.

Esta mesma mañá as instalacións pasaron a inspección do persoal técnico da Deputación da Coruña de cara a certificar o proxecto. De agora en diante quedaría pendente unha cuestión fundamental: a xestión e posta en marcha do centro. A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, sinalaba a este respecto que os catro municipios promotores se reunirán en breve “para poñer en común o borrador do regulamento de funcionamento” e tamén para artellar un sistema de xestión “que asegure un correcto desenvolvemento da actividade nas instalacións e que estas sexan un auténtico punto de dinamización do noso sector primario”.