Rematado o pasado luns 21 o prazo de recepción de ofertas para a xestión do bar da piscina municipal, o Concello recibiu tres ofertas para optar á xestión. O vindeiro martes 29, ás 13.00 horas, a Mesa de Contratación procederá en acto de carácter publico á apertura de ofertas presentadas no procedemento aberto.
A adxudicación do contrato de servizos faise mediante procedemento aberto inferior ao límite comunitario, de acordo coa clasificación das licitacións definida na nova normativa de contratación co sector público. As persoas ou empresas que optaron á xestión tiñan que presentar a documentación requirida nas bases, que se condensa nun único sobre que deberá levar outros dous no seu interior, un cos datos do licitador e outro coa proposición económica. Esta última ten un canon mínimo de 300 euros para toda a duración do contrato.
A Mesa de contratación reunirase o vindeiro martes 29, ás 13.00 horas, na Casa do Concello, en acto público, para proceder á apertura das ofertas presentadas. A mesa de contratación revisará en primeiro lugar que se cumpren os requisitos recollidos no prego de condicións administrativas e técnicas para poder concorrer ao contrato e, posteriormente, avaliará as propostas presentadas en base a tres criterios: a cantidade económica ofertada -ata 50 puntos-, a experiencia previa en servizos de hostalería semellantes ou áreas recreativas e de lecer -ata 15 puntos- e a duración en situación de desemprego -ata 10 puntos-, no caso de que se trate dunha proposta achegada por unha persoa que se atope nesa circunstancia.
A duración da adxudicación limítase aos tres meses do verán, entre o 16 de xuño e o 16 de setembro, ambas datas incluídas. A piscina abrirá ao público o luns 18 de xuño mantendo os prezos do ano pasado e acollendo tamén cursos de natación en horario de mañá.
Composición da Mesa de contratacion permanente, conforme á nova Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público: Mesa de Contratación permanente Concello de Moeche
Últimos comentarios