O Concello de Moeche acaba de sumarse ao convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para contribuír economicamente ao primeiro plan autonómico de rescate da hostalaría. O consistorio habilitou unha partida de 9.000 euros que se repartirán a razón de 1.000 euros por cada unha das 9 solicitudes admitidas na convocatoria da Xunta, quen deixou fóra tres delas por esgotamento do crédito. O sistema de distribución non convence de todo ao Executivo local, posto que a achega será a mesma tanto para os seis establecementos que si van obter subvención da Xunta como para os outros tres que, malia cumprir as condicións, deberán conformarse só cos 1.000 euros que pon o Concello.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, mantivo conversas con responsables da Consellaría de Emprego e Igualdade co obxectivo de que a Xunta compensase cos fondos municipais as peticións que cumprisen os requisitos pero que quedasen sen axuda. Esta posibilidade foi rexeitada pola Consellaría, quen só dá dúas opcións para todos os concellos adheridos ao cofinanciamento:  ou 1.000 euros para todas e cada unha das solicitudes ou 1.000 euros unicamente para as que quedaron fóra da convocatoria.

A Xunta comunicou que en Moeche se presentaran 9 solicitudes, seis delas beneficiarias dos importes previstos no plan de rescate e outras tres que quedan sen axuda -malia cumpriren os requisitos- porque a consellaría xa acabou os fondos dispoñibles.  “Nós propuxémoslles que os 9.000 euros que vai poñer o Concello servisen para que esas tres solicitudes puidesen recibir a mesma cantidade que os demais, é dicir, o que lles correspondería segundo a convocatoria,  e que os cartos restantes se distribuisen proporcionalmente entre os nove establecementos. O que queriamos era que os fondos municipais se utilizasen para evitar agravios comparativos, que todos os negocios tivesen asegurada a axuda á que teñen dereito”, explica Beatriz Bascoy.

A alcaldesa comenta que, segundo a información recabada da consellaría,  “o reparto farase dándolles 1.000 euros fixos a todos eles, de maneira que pode haber algún establecemento que obteña 2.900 euros como mínimo, 1.900 da Xunta e os 1.000 da colaboración municipal, mentres que outro, cumprindo as mesmas condicións, só percibirá os 1.000 euros que pon o Concello”.

O Concello xa lle comunicou oficialmente á Dirección Xeral de Administración local o seu compromiso de achegar 9.000 euros para o Plan de rescate da Hostalaría. Os fondos seranlles transferidos á Xunta en breve para que esta efectúe os correspondentes ingresos nas contas dos negocios beneficiarios.