Durante parte do mes de agosto e primeiros días de setembro, como vén sendo habitual, desenvolvéronse as tarefas xerais de mantemento do CEIP San Ramón e principalmente aqueloutras solicitadas pola Dirección da escola, todo para que o centro estea a punto para recibir o novo período. Un curso que comeza coa boa nova de contar con dúas aulas de Educación infantil. O conxunto de tarefas, a adaptación ao protocolo e as obras menores acometidas ao longo deste ano supoñen un investimento aproximado de 12.800 euros
Dous operarios municipais encargáronse durante parte do mes de agosto e comezos de setembro dos labores de mantemento e acondicionamento tanto no exterior como no interior do centro. Estas tarefas súmanse ás principais obras realizadas polo Concello como foron a instalación da marquesiña no peche do centro e o acondicionamento e sinalización da área de aparcadoiro.
Patio cuberto e biblioteca
No pasado mes os principais labores centráronse no saneamento das fachadas dos patio cuberto e da biblioteca, a impermeabilización e posterior pintado. Ademais, seláronse todos os cristais e substituíronse varios do patio cuberto. Repúxose o material protector das columnas do patio cuberto, gastado polo tempo, e agora recóbrense con cortiza algunhas paredes.
Alén destes traballos, no resto dos espazos procedeuse coa habitual revisión das instalacións dos baños e acondicionáronse varios deles coa mellora duns tramos de canalización. Na zona do comedor pintáronse as estruturas metálicas das mesas. O pintado dos teitos do corredor da planta baixa e da aula de música foron as tarefas realizadas nestes últimos días.
Zonas de exterior
No exterior do centro os traballadores municipais encargáronse de retirar a malla máis deteriorada no muro de separación da escola co polideportivo municipal e colocar 30 metros novos de rede así como renovar a area no entorno dos tobogáns e bambáns, revisar os xogos infantís, acondicionar as portas de acceso ás zonas de xogos e deportes, nova ancoraxe de porterías, desinfección e limpeza de colectores, labores de pequenas podas, sega e retirada de follas, etc. Este verán houbo que sumar unha tarefa especial… o coidado da horta que o alumnado máis pequeno preparou cando estaba rematando o curso.
Para os primeiros días de curso queda librar o espazo destinado a denominada “aula covid” esixida polo protocolo, xa que os traballadores municipais deberán contar coa coordinación do profesorado. Ë necesario crear un novo espazo xa que ata agora se estaba a utilizar unha das aulas de infantil pero, afortunadamente, este novo curso conta con alumnado suficiente para desdobrar e utilizar as dúas aulas.
Obras a cargo da Consellería de Educación
Por parte da Consellería de Educación adquiriuse o compromiso de finalización de amaño das columnas no comedor así como as obras no espazo oco do baixo da planta baixa da escola e están pedentes de executar.
A solicitude destas últimas obras para eliminar o espazo existente baixo a planta inferior do edificio foi trasladada pola Alcaldesa, nunha das xuntanzas mantidas no curso 2015-2016, á Xefatura Territorial de Educación, quen pouco despois visitou o centro e comprobou a necesidade, dado que ese espazo se inunda durante o outono e inverno.
Últimos comentarios