O Goberno municipal convocará reunións para a vindeira semana cos distintos sectores económicos do concello, nomeadamente aqueles que se viron obrigados a paralizar a súa actividade e pechar os establecementos, co obxectivo de coñecer a súa situación actual e elaborar unhas pautas de axuda municipal, o máis acaídas posible, que teñan cabida no orzamento municipal e no marco competencial do Concello.

A partir do luns 11 de maio o Concello contactará cos distintos sectores económicos do municipio para manter
reunións en relación coa situación xerada pola crise sanitaria do COVID 19. Desde o Goberno municipal enténdese que as accións e axudas que se poidan deseñar deben partir do contacto cos seus posibles destinatarios e deben ter conta as decisións que aprobadas nesa materia tanto no Goberno do Estado como as que adopte a Xunta de Galicia, de xeito que non sexan incompatibles, así como ter en conta as últimas recomendacións da Administración autonómica aos concellos. Nas xuntanzas daranse a coñecer tamén as medidas que se foron adoptando ou se van adoptar nos vindeiros días.

Algunhas destas xa se puxeron en marcha, como foi a paralización temporal do cobro dos impostos municipais que son xestionados pola Deputación, ou desde a Concellería de Obras, a activación das licitacións de obras e subministracións pendentes e a posta en marcha de obras xa licitadas con anterioridade á aprobación do estado de alarma, co obxectivo de colaborar na reactivación económica.

Outras destas medidas están en proceso e trasladaranse nas reunións, como:
– a ampliación do espazo público para terrazas de hostalaría para o ano 2020;
– a habilitación de partidas específicas no orzamento municipal para colaborar na reactivación económica e social;
– demandar do Goberno do Estado a posibilidade de dispoñer dunha parte do remanente -que no caso de Moche este ano ascende a 236.323,91- para esa reactivación económica e social, e poder executar contratos co tecido empresarial local;
– demandar da Deputación da Coruña que se apliquen os límites da Lei de Contratos e que os Concello poidan contratar os investimentos, tanto subministracións como obras, financiados con fondos da Deputación, mediante contrato menor, e dese xeito potenciar os negocios e autónomos locais.

Desde outras áreas municipais tamén centran o seu traballo na reactivación económica. Por exemplo, desde a Concellería de Turismo contratarase xa o 1 de xuño un técnico de Turismo, contratación financiada ao 100% trala solicitude do Concello no marco da liña de subvencións da Deputación da Coruña . No mesmo sentido, tramitouse a solicitude de subvención para contar cun técnico cultural na reapertura do Castelo de Moeche de cara ao verán.

A Concellería de Desenvolvemento Local esta ultimando a adopción de medidas de seguridade para a apertura do Mercado Municipal xa o vindeiro sábado 16, adaptado xa ás novas normas ditadas ante a crise sanitaria provocada polo COVID 19, e cara ao mes de xuño a volta das feiras tradicionais, aínda que progresivamente e con limitacións.