O Concello de Moeche únese un ano máis á campaña De Fronte da Deputación da Coruña, unha iniciativa destinada a visibilizar, concienciar e mobilizar a sociedade fronte ás violencias machistas, e que neste 2025 abrangue tamén accións do programa provincial Ser e Sentir, orientado á educación en igualdade, diversidade afectivo-sexual e respecto á identidade e á liberdade das persoas.
Neste marco común de compromiso institucional, o Concello desenvolve varias propostas culturais e educativas que buscan implicar tanto á veciñanza como á comunidade escolar.
“Vicio houbo sempre” – Domingo 23 de novembro, Castelo de Moeche, 18:30 h
A primeira das actividades será “Vicio houbo sempre”, que chega da man da Área de Igualdade da Deputación da Coruña dentro do programa De Fronte contra as Violencias.
A representación terá lugar o domingo 23 de novembro ás 18:30 h no Castelo de Moeche, e propón unha reflexión crítica sobre os prexuízos, as violencias normalizadas e os discursos que, ao longo do tempo, sostiveron a desigualdade entre mulleres e homes. A través da palabra e da escena, a obra invita a revisar ot pasado para comprender mellor o presente e avanzar cara a unha convivencia baseada no respecto e na igualdade real.
Esta actividade enmárcase na ampla programación da Deputación, que durante todo o ano promove accións formativas, espectáculos, conversas e recursos en materia de diversidade, igualdade e convivencia positiva, como os que se recollen na iniciativa Ser e Sentir.
25 de novembro – A escola como voz contra a violencia
O martes 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Machista, o protagonismo será para a infancia e para a comunidade educativa do CEIP San Ramón, que vén traballando estas semanas arredor da igualdade, do bo trato e da convivencia.
Despois de achegarlles desde o Concello o espectáculo “Mulleres de Pedra”, pertencente ao catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña e centrado na memoria, forza e resiliencia das mulleres ao longo da historia, celebrarase a entrega de premios do Concurso de Lemas contra a Violencia Machista.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a bibliotecaria municipal, Pilar Pazo, farán entrega dos recoñecementos aos traballos seleccionados, mensaxes creadas polo alumnado que converten a súa mirada limpa e consciente nun chamamento colectivo para construír unha sociedade máis xusta e sen violencia.
Un compromiso que vai máis alá do 25N
Con este programa, o Concello reitera o seu compromiso activo coa igualdade e pon en valor o traballo que, desde diferentes ámbitos, promove a Deputación da Coruña a través da campaña De Fronte e das accións de Ser e Sentir: actividades culturais, palestras, encontros formativos, espazos de diálogo e iniciativas nos centros educativos destinadas a fomentar o respecto, a diversidade e a convivencia.
O Concello anima a toda a veciñanza a participar, acompañar e facer propio este movemento colectivo, porque erradicar as violencias machistas é unha tarefa diaria que require a implicación de toda a sociedade.








Últimos comentarios