Beatriz Bascoy reuniuse este mércores en Santiago coa dirección da Axencia Galega de Infraestruturas e con persoal técnico responsable das obras de mellora na estrada de Ortigueira co obxectivo de expoñerlles os cambios no proxecto que consideran necesarios tanto o goberno local como a veciñanza, sobre todo a afectada pola rotonda que se ten previsto construír na confluencia da avenida 23 de Abril e da pista da Sanguiñeira. Tal e como está deseñada, a nova glorieta quedaría demasiado preto dalgunhas vivendas e, ademais, deixaría un desnivel acusado con respecto aos predios colindantes, razón que creou malestar entre as persoas titulares das propiedades que a Xunta ten previsto expropiar en parte. A alcaldesa arrancou o compromiso da AXI de estudar con detalle cada caso. Neste sentido, a arquitecta técnica municipal reunirase o próximo mércores cos veciños e veciñas para recoller as súas demandas, que logo se discutirán co equipo redactor do proxecto. En calquera caso, cómpre lembrar que o prazo de exposición pública -e de presentación de alegacións- finaliza o próximo 28 de novembro e que toda a documentación pode consultarse no Concello.

Xa antes de acudir ao encontro coa AXI, a alcaldesa mantivo un encontro cos veciños e veciñas de San Ramón que lindan coa futura rotonda. A queixas principais son que as vivendas situadas na marxe esquerda -no lugar da Meixoeira- quedan a un nivel moi inferior respecto da estrada, “co conseguinte problema de evacuación das augas de escorrentía e para as canalizacións de auga e saneamento”, pero tamén a situación e as dimensións da propia glorieta, que tería incidencia no acceso ás propiedades “especialmente problemático e limitado, tamén para camións de carga e descarga nun punto onde hai negocios” e na protección dos inmobles máis expostos ao tráfico rodado por mor da nova infraestrutura.

“A rotonda, tal e como está no papel, presenta varios problemas de accesibilidade ás propiedades particulares e vivendas de ambas marxes”, explica Beatriz Bascoy, quen engade que na xuntanza mantida en Santiago se lle solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas que enviase a Moeche algunha das persoas participantes na redacción do proxecto coa finalidade de que lle explicase aos propietarios e propietarias os detalles da actuación. O acordo alcanzado foi  que o Concello intermedie entre Xunta e veciñanza con axuda da arquitecta técnica municipal, quen se reunirá o martes que vén cos veciños e veciñas para sistematizar todas as súas peticións. Posteriormente, a técnica municipal reunirase co equipo redactor para ver ata que punto “a Xunta pode ou quere introducir modificacións nos planos”, comenta Bascoy.

Alén desta esixencia veciñal, o Concello tamén lle fixo saber á AXI a demanda de dotar o trazado de “máis pasos peonís” e de sinalización “ben visible” que limite a velocidade a 50 nas zonas de máis concentración de vivendas, concretamente ao paso da estrada por Balocos, o Leboreiro e  Finlle. O Concello esixe ademais a mellora no acceso ao complexo cultural e deportivo de Trieiro, que coincide en cambio de rasante ao final dunha media curva pola que discorre tráfico a velocidades elevadas en sentido Ferrol. A solución que se lle propuxo á Xunta é “establecer un carril de incorporación, unha illa, aproveitando o espazo dispoñible nas gabias laterais”.  Un problema parecido é o que se dá en Mil de Abaixo, pero en sentido Ortigueira. Para ese caso, situado no punto quilométrico 26+700, desde o Concello pídeselle á Xunta un sistema de cambio de sentido que facilite a saída deste núcleo con dirección a Ferrol.

Na reunión mantida en Santiago, Beatriz Bascoy tamén comentou a necesidade de retirar o aglomerado vello da AC-862 antes de botarlle o novo, posto que nalgúns lugares -asegurou a alcaldesa- “se non se rebaixa o firme actual, a estrada quedaría á mesma altura ou incluso máis alta que as beirarrúas, con todos os problemas que iso supón para a seguridade peonil e para a drenaxe da chuvia”.

Unha vez feitas estas achegas ao proxecto, o Concello -e tamén a veciñanza- tamén teñen a posibilidade de presentar alegacións formais ao documento e ao proceso de expropiación, que en Moeche lle afectará a un total de 17 parcelas. O prazo de exposición pública remata o próximo 28 de novembro. Os planos e as referencias dos predios aos que lles tocará a mellora da AC-862 poden consultarse na Casa do Concello de luns a venres en horario de mañá. A información tamén está dispoñible nas seguintes ligazóns:

Ligazón ao DOG onde aparecen as referencias catastrais dos bens afectados
Ligazón ao buscador do Catastro (introducindo o número que sae no DOG veremos a que leira se refire a expropiación)
Extracto do proxecto coas fichas das leiras afectadas en Moeche (.pdf 8MB)
Ligazón á separata do proxecto publicada pola Xunta (Documento en Pdf de 2 GB de peso, polo que non se recomenda descargalo desde dispositivos móbiles, limitacións de datos ou conexións con velocidades lentas)