A empresa PRINSEL S.L. está finalizando estes días a instalación de novos farois led nas principais rúas de San Ramón que aínda non dispuñan deste sistema de iluminación. De feito, a maior parte da rede está xa en funcionamento e só faltan por poñer en marcha algúns puntos, que quedarán listos, previsiblemente, a comezos da semana que vén se o tempo atmosférico o permite. PRINSEL resultou adxudicataria do contrato convocado polo Concello a finais do ano pasado presentando unha oferta de 19.947,14 euros -ive non incluído- que se financia con cargo aos fondos do POS+ 2020. A finalidade da actuación é mellorar as condicións lumínicas da zona, pero tamén reducir o consumo enerxético que, segundo as estimacións técnicas, suporá unha rebaixa de ata un 88% na factura da luz das instalacións unha vez que estean renovadas. No núcleo de San Ramón só quedaría pendente estender esta tecnoloxía ao tramo que vai desde a capela até o cruzamento coa estrada de Ortigueira e tamén á zona da Casabranca. O Concello encargou o proxecto recentemente coas miras postas en executalo ao longo deste ano.

Os traballos en marcha desenvólvense en dúas rúas interiores de San Ramón: na Rúa da Feira, que vai desde Cristo do Rañal até diante do Concello, e na rúa Nova, que a conecta con 23 de Abril.  O que se está facendo é substituír as vellas lámpadas por outras capaces de ofrecer máis luz, de maneira máis uniforme e gastando moito menos, ademais de vir preparadas para durar polo menos 50.000 horas. O proxecto tamén recolle o repintado dos báculos e a reparación do cableado.

O estudo técnico deseñado pola FAEPAC explica que os 32 farois que había instalados tiñan un consumo de preto de 18.000 kWh que, co cambio, pasarán a tan só 2.151 kWh. Unha rebaixa dun 88% no gasto eléctrico que se trasladará case na mesma proporción á factura da luz. A rede tiña un custe anual de 2.278,75€ e prevese que os menores requirimentos enerxéticos dos ledes deixen esa cifra en pouco máis de 450 euros anuais, calculados aos prezos da corrente no momento de redactar o proxecto.

A rebaixa de potencia e de consumos non se trasladará, porén, a unha merma na luz. Tal e como se pode comprobar desde hai unhas noites, o sistema ten como vantaxe que ofrece unha luz cunha tonalidade lixeiramente cálida e agradable que cae sobre a estrada e as beirarrúas dunha maneira máis uniforme. Incluso contamina menos, xa que  as proxeccións luminosas pola parte superior dos farois -o que provoca a coñecida como contaminación lumínica- son inferiores ao 5% e, ademais, tamén se estima que as emisións equivalentes de CO2 á atmosfera por kWh consumido pasarán de 5.946 kg a pouco máis de 700, un 88% menos.

As lámpadas instaláronse sobre os postes existentes, que tamén se sanearon e pintaron. Os 32 que había quedaron agora en 31,  debido a que na rúa Andrés Gregorio Pérez Soto -onde os farois estaban colocados sen moito criterio- eliminouse un e redistribuíronse os cinco restantes salteados a un lado e outro da vía e cunha distancia igual entre eles.

Cando remate a obra -seguramente na semana que entra- a maior parte do centro urbano de Moeche quedará iluminada con led, despois de que en 2019  xa se fixera o tránsito a esa tecnoloxía na Avenida 23 de Abril, no recinto feiral, en Cristo do Rañal e tamén ao longo da estrada de Ortigueira. No núcleo municipal só faltaría por cubrir o tramo entre o Empalme, na confluencia coa AC-862, e a capela de San Ramón e tamén o que vai desde piensos Pazo até o campo de fútbol, na zona da Casabranca. Eses serán os seguintes proxectos, que o Concello agarda executar durante este 2021. A intención municipal a partir de aí é ir cambiando pouco a pouco o resto da rede municipal ata completar nos próximos anos todo o territorio.