39 chanzos de escasos 70 centímetros de largo por uns 25 de alto, 10’40 metros de percorrido en espiral para salvar subindo ou baixando unha altura de 9 metros e 80 centímetros.  Eses son os números que nos describen un dos tesouros arquitectónicos do Castelo de Moeche. Falamos da escaleira de caracol que comunica a estancia da xente de armas co paseo de rolda da parte superior da fortaleza. Unha xoia da cantaría feita en granito que, porén, levaba pechada máis dunha década por razóns de seguridade. Agora, tras unha minuciosa limpeza da pedra e despois de aplicarlle un produto contra o verdín, o Concello decidiu volver reabrir as escaleiras aproveitando a cita do Festival Irmandiño, cando o castelo atrae máis visitas e acolle actividades coma o asalto infantil, programado para as 17.00h. do sábado. De feito, nesta fin de semana en que se rememora a toma do castelo pola Irmandade Fusquenlla de Roi Xordo teremos a oportunidade de percorrer de balde o baluarte que lle arrebataron a Nuno Freire de Andrade “O Mao”.

O Concello xa tentara en 2015 volver abrir as escaleiras de caracol e, daquela, a Dirección Xeral de Patrimonio recomendara que para poder facelo con certas condicións de seguridade era necesario dotala dunha cúpula ou algún outro sistema de cobertura que impedise a entrada da chuvia. Un investimento custoso que, ademais, supuña ter que buscar unha solución que se integrase en todo o conxunto. A cousa quedou aí, e máis recentemente o Goberno Local retomou a idea e volveu consultalo con Patrimonio que, desta vez, sinalou que cunha limpeza manual dos chanzos e coa aplicación dun produto determinado contra os efectos da humidade na pedra sería máis que dabondo para evitar os esvaramentos accidentais.

Os consellos técnicos puxéronse en práctica hai escasos días. Un a un e empregando un cepillo especial foron repasándose todos os pasos co obxectivo de eliminar as partículas e restos orgánicos onde prolifera o verdín. Posteriormente aplicouse un líquido especial prescrito por Patrimonio que combina as características de ser biolóxico, de non atacar a pedra e de retardar a aparición das algas, mofos e liques.

Así, e aproveitando o tirón do Festival Irmandiño, a escada helicoidal volverá abrir ao público. Iso si, por razóns de seguridade desde o Concello farase a recomendación de que só se utilice para subir. “Ata o remate das obras de rehabilitación do castelo, aló polo 2006, a escaleira de caracol era a única maneira de subir ás almeas e á torre da homenaxe. Hoxe o acceso a ese nivel está dirixido polo interior do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas por unha cuestión de seguridade e da propia interpretación do conxunto. Por iso recomendamos que a xente visite o castelo seguindo o itinerario habitual e que, se ten curiosidade, acceda de novo desde abaixo usando a escaleira de caracol. Hai que ter en conta que é unha construción moi estreita e peada, polo que é máis cómodo e seguro subir que baixar. Ademais tamén se evitarán incomodidades se se cruzan dúas ou máis persoas”, comenta Beatriz Bascoy para xustificar os motivos de marcar un único sentido de paso.

Entrada gratuíta o sábado e mailo domingo
O castelo estivo pechado este luns, pero desde hoxe até o domingo volve recibir visitantes no seu horario habitual: pola semana de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30h., mentres que o xoves, ao ser festivo, permanecerá aberto de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h. Co gallo do Irmandiño varían os horarios da fin de semana. O sábado a fortaleza permanecerá aberta pola mañá entre as 11 e as 14.00h. e pola tarde das 16.30h. ata as 18.30h., xa que a esa hora será necesario pechar o recinto para preparar o espectáculo pirotécnico da noite. O domingo, xa si, horario normal: de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h. Tanto o sábado coma o domingo o acceso ao castelo e ao Centro de Interpretación serán gratuítos.

Un castelo cheo de actividade
Aínda que a música e a troula son dous dos grandes alicientes do Irmandiño, cabe recordar que o festival leva 40 edicións revivindo e rememorando a revolta campesiño-fidalga do século XV, encabezada na nosa zona pola Irmandade Fusquenlla de Roi Xordo. O asalto está programado para a noite do sábado, trala lectura do pregón por parte do poeta local Alfonso Venancio, prevista para as 00.30h.

Porén, horas antes do asalto XXL, teremos no castelo o asalto infantil, que comezará ás 17.00h., aínda que se recomenda que toda a rapazada que queira participar ande por alí sobre as 16.15 ou 16.30h. para iniciar os preparativos e organizar os bandos contendentes. A saber, dun lado as hostes asoballadas e, doutro, as gornicións do fuxido Nuno Freire de Andrade -alcumado “O Mao”- que defenderán con fereza a fortaleza do seu señor.

No castelo, ademais dos paneis informativos e folletos, tamén se poderá ver de preto o Estandarte Real Galego que preside a entrada ao Centro de Interpretación e que ondea desde o pasado 25 de xullo no alto da torre. No centro haberá unha exposición  sobre a historia do festival, cunha mención especial a todas as persoas que o fan e o fixeron posible, algunhas delas desaparecidas de forma prematura.

O domingo ao mediodía toda a actividade destes tres días de Irmandiño que comezan o venres trasladarase ao pé da fortaleza. Ás 13.30h. Os Feroces da Galgueira armarán unha animada sesión vermú, logo xantarase de campo -menú a 4€ a base de cahelos, liscos, crioulos, xamón cocido e pan- e, das 16.30h. en diante, serán Os Carecos e De Ninghures quen lle poñan o ramo á 40ª edición do festival.