Tralo parón forzado pola pandemia, e agora que as cousas parece que van a mellor, o Concello organizará a V Feira das Fabas, coa que se quere poñer en valor este produto e promover a recuperación dun cultivo tan importante no pasado. Tal era así que mesmo había quen viña desde Asturias e Lourenzá buscar faba a Moeche. Na actualidade este legume pode ofrecer unha boa oportunidade para diversificar a economía do noso agro, por medio de plantacións ben planificadas tecnicamente que aposten por unha produción de calidade para atender mercados próximos. A feira deste ano celebrarase o sábado 16 de outubro desde as 10:00h ata media tarde, coincidindo co Mercado de Moeche. En San Ramón poderemos atopar fabas en cantidade e variedade de dentro e fóra de Galicia, ademais doutros alimentos frescos e transformados e artesanía, xunto cunha intensa programación paralela durante toda a xornada.

Confirmaron xa asistencia varias explotacións agrupadas na cooperativa Terras da Mariña -especializada na variedade con IXP de Lourenzá e na verdina-, Legumes e fabas Sanjurjo, Acastrexa -coa súa tradicional faba de ril- e a explotación local Fabas Castelo,a quen se unirán outros postos relacionados co sector agroalimentario da nosa zona, como é o caso da explotación apícola local Abellariza.

A cita tamén contará con expositores de artesanía, agasallos, doces, e os habituais do Mercado de Moeche dos sábados. Quen faga compra ao longo da mañá recibirá boletos para entrar no sorteo de dous lotes de produtos e de cinco vales para gastar no mercado dos sábados. A rifa está posta para as 13:30h.

Desde as 12:00h serviranse racións de fabada a prezos populares preparadas pola AVV de Labacengos, mentres que a AVV Val de Moeche abrirá unha exposición con variedades de cogomelos recollidos nos montes da zona.

Alén de dárlle un protagonismo absoluto ás fabas e aos alimentos de proximidade, esta quinta edición da feira volverá reforzar o seu contido con varias propostas lúdicas. Neste sentido está previsto que a rapazada poida gozar desde as 11:30h do circuíto de educación viaria inaugurado hai tan só uns días, ademais de ofrecerlles a oportunidade de participaren nun novidoso concurso para ver quen é capaz de debagar máis fabas en tan só dous minutos. A proba de destreza desenvolverase a partir das 12:30h -fai falla inscrición previa- e os premios entregaranse a iso das 17:00h.

Para público familiar tamén está programada ás 16:30h a obra de teatro de rúa “Cinco fabas para un chapeu”, de Alalá Turismo. Da animación musical encargarase este ano o cuarteto Xente Nova de Ferrol, que repasará das 12:30h en diante un repertorio  festeiro escollido entre pezas da nosa música tradicional.

Malia que a situación sanitaria mellora, a Feira das Fabas desenvolverase adaptada á normativa de prevención que estea en vigor e aumentando o espazo dispoñible na nave do mercado coa instalación dunha carpa exterior que facilite o mantemento das distancias.

Programa completo da V Feira das Fabas de Moeche

  • 11:00h Mostra de cogomelos a cargo da A.VV. Val de Moeche.
  • 11:30h Apertura do Circuíto Infantil de Educación Viaria.
  • 12:00h Degustación da Fabada a cargo da A.VV. Labacengos.
  • 12:30h Actuación musical a cargo de Cuarteto Xente Nova (Ferrol).
  • 12:30h Concurso Infantil  “Imos debagar?” Proba de destreza e velocidade para a rapazada. Prazas limitadas, inscrición na propia feira.
  • 13:30h Sorteos de 5 vales de compra para o Mercado de Moeche e 2 lotes de produtos da feira.
  • 16:30h Teatro. “Cinco fabas para un chapeu”, de Alalá Turismo.
  • 17:00h Entrega de premios do concurso infantil.
  • 17:15h Peche da feira.