Xa está en marcha a segunda edición do concurso “De Pincho en Pincho” organizado polo Concello de Moeche para dinamizar a hostalería local ademais de poñer en valor os nosos produtos e a nosa creatividade gastronómica. O certame desenvolverase desde a noitiña deste venres 18 de maio até primeiras horas da tarde do domingo 20 e ofreceralle a propios e visitantes a posibilidade de probar con cada consumición oito saborosas especialidades preparadas por outros tantos establecementos con ingredientes da máxima calidade. “De Pincho en Pincho” conta este ano como novidade cun servizo de autobús na tarde-noite do sábado que repetirá varias veces un itinerario circular percorrendo todos os locais participantes. O bus sairá ás 20.30h. de diante de Casa Pena e parará de dar voltas polo municipio sobre as 23.30h.

Para abrirnos o apetito abonda con dicir en voz alta os nomes dos petiscos participantes na presente edición do concurso: “Ovos Irmandiños”, da Taberna Irmandiños, “Polo en salsa de queixo”, de Casa Toñito, “Cachopiño de lombo”, do Mesón O Campo, “Terra, mar e lume”, de Casa Pena, “Fabas mariñeiras”, do Restaurante Delfino, “Bocado de Xambas”, do Bar Xambas, “Ubaldoviños”, do Bar Ubaldo, e “Albóndegas en salsa branca”, do Café-bar Marcial, son as oito delicias que a hostalería local nos ten preparadas para esta fin de semana.

Todas elas optan ao premio principal, consistente nun diploma e un distintivo acreditativo para poñer ben á vista no local. “O premio é o de menos, o que máis importa é a implicación dos bares e restaurantes do concello, que teñen no concurso a oportunidade de lucirse diante da clientela con preparacións exquisitas, representativas do seu bo facer na cociña e da calidade do seu servizo”, comenta Beatriz Bascoy.

A decisión de cal será o pincho ganador será cousa de quen faga en calquera momento entre o venres e o domingo a rolda por todos os establecementos. Os horarios en que se servirán os petiscos a concurso están definidos: o venres de 20 a 23.00h., o sábado de 11 a 15 e de 20 a 23.00h. e o domingo só de 11 a 15.00h. En cada bar e restaurante haberá tarxetas para votar polos aperitivos máis sabedores, que se servirán de balde con cada consumición. Nos locais tamén haberá unha urna para depositar as papeletas, que só serán válidas se contan coa sinatura ou o selo de todos os establecementos participantes.

Ademais, quen complete o itinerario -ao xeito que queira e incluso en días alternos- tamén poderá levar premio. E é que entre aquelas persoas que selen a súa tarxeta en todos e cada un dos locais concursantes sortearanse catro agasallos: un bono individual de persoa adulta para a piscina municipal válido durante a temporada 2018, un pase para todas as actividades culturais organizadas polo Concello durante o que queda de ano (entrada no Castelo, teatro, Castelo de Sons, rutas xeolóxicas, etc.) e dous lotes de produtos locais doados polos establecementos.

A principal novidade de “De Pincho en Pincho” é que este ano haberá un bus que percorrerá o sábado 19 pola tarde-noite todos os establecementos -agás Delfino, que pecha ese día- facendo parada en cada un deles, facilitando desta maneira que se complete a ruta sen preocuparse de coller o coche. O transporte gratuíto sairá de Casa Pena ás 20.30h. e continuará o percorrido pola Taberna Irmandiños -que, por certo, o venres estará pechada- , o Bar Xambas, Casa Toñito, Café-bar Marcial, Bar Ubaldo, Mesón O Campo e volta a Casa Pena. Ese itinerario farase continuamente parando en cada sitio só para deixar ou recoller xente, antes de rematar as viaxes a iso das 23.30h.