Este mércores 20 de novembro celébrase o Día Internacional da Infancia. Unha data marcada no calendario a raíz da aprobación hai 30 anos da Convención dos Dereitos do Neno, o tratado internacional que máis veces foi ratificado e que é de obrigado cumprimento para os países que o suscribiron. O 20N é, ademais, un recordatorio da necesidade de garantir condicións de vida dignas para a rapazada e incluso a súa participación activa no desenvolvemento da sociedade. O Concello de Moeche adquiriu ese compromiso promovendo a creación do Consello Local da Infancia e a Adolescencia, a través do que se lle dá voz ás xeracións máis novas na toma de decisións que lles afectan como colectivo ou que son fundamentais para o territorio. O CLIA celebrou esta mediodía un pleno extraordinario ao que asistiron tanto os seus membros como a totalidade do alumnado do CEIP San Ramón. Nel deuse conta do traballo feito nos últimos meses e tamén se expresou o compromiso da rapazada de Moeche coa defensa do Galego como unha herdanza que cómpre coidar. Neste sentido, o consello anunciou a posta en marcha para o próximo mes de febreiro dunha campaña de promoción da lingua no marco do artigo 30 da Convención dos Dereitos da Infancia.

Beatriz Bascoy recibiu a rapazada nun salón de sesións no que practicamente non cabía unha agulla, con todos os escanos, cadeiras para o público e mesmo o chan ocupados pola cativería e o profesorado de todos os cursos do centro escolar. A alcaldesa repasou a importancia dun día coma hoxe, no que se reivindica o coidado da infancia nun mundo onde “aínda hai moitas nenas e nenos que non poden ir á escola, que non teñen médicos, que viven en lugares onde hai guerras…”.

A rexedora tamén lles explicou aos nenos e nenas cal é a función do Consello Local da Infancia e a Adolescencia como órgano de representación da rapazada de Moeche que se encarga de recoller as demandas que van xurdindo entre a xente da súa idade para logo sistematizalas, priorizalas e trasladarllas ao Concello para que as leve a cabo. Entre elas estivo a elección do deseño para o peche exterior do colexio, a escolla do modelo de xogos que se instalaron no patio ou incluso a decisión do nome da principal arteria do centro urbano, denominada agora Avenida 23 de Abril por acordo infantil. E é que, a diferenza doutros sitios onde os nenos e nenas acoden ao Concello unha vez no ano para xogaren a ser concelleiras e concelleiros, en Moeche as cativas e cativos teñen regulada a súa participación na cousa pública. De feito, o Grupo de Participación Infantil -órgano executivo do CLIA- reúnese na Casa do Concello todos os últimos sábados de mes para traballar nas ideas e peticións que despois se lle presentan ao equipo de goberno.

As encargadas de achegar as últimas iniciativas foron Marta Mera, Leticia Caaveiro e Emily Méndez. O Consello asumiu xa antes do verán o compromiso de analizar os 54 artigos da Convención dos dereitos da infancia e ver o seu grao de cumprimento en Moeche. Foron anotando todas as súas impresións nun documento denominado “Caderno dun pensador/dunha pensadora rural” e á volta das vacacións xuntaron todos os apuntamentos, coincidindo en todos os casos en que dous dos dereitos que non estaban suficientemente garantidos eran o da saúde e o benestar -habida conta de que Moeche e outros municipios da volta quedaron sen servizo itinerante de Pediatría- e tamén o dereito das minorías lingüísticas a empregaren o seu idioma propio. En relación con este último, o Grupo de Participación Infantil decidiu “traballar a prol do recoñecemento da nosa lingua e do seu valor porque non queremos que se perda”, tal e como expuxo Marta Mera argumentando que “os nosos avós e avoas loitaron por poder falalo, e agora nós que podemos facelo imos perdendo esa oportunidade”. A parte expositiva do texto remata sinalando que “o galego representa a Galicia e polo tanto temos que coidalo entre todas e todos”.

Tomando como base este argumento, a vicepresidenta do CLIA, Leticia Caaveiro, debullou as medidas “para promover o galego e dar a coñecer a súa historia” englobadas todas baixo o lema “O galego rebélase”. A frase tamén é o título dunha campaña para a que a rapazada pediu a implicación municipal. Máis en detalle, os nenos e nenas solicitaron dispor de máis libros en galego na biblioteca do Concello, promover representacións teatrais, xogos e actividades na nosa lingua, e incluso aproveitar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro -o 24 de febreiro- para facer unha lectura de poemas da autora á que asistan persoas maiores do concello. Ese día tamén se aproveitaría a xuntanza interxeracional para que as xeracións máis vellas expliquen “como era falar galego cando eran pequenos” e para que “nos aprendan palabras que hoxe xa non empregamos para recordalas”. Como adianto do Día de Rosalía 2020, Emily Méndez leu “Xan” e “Paseniño”, dúas das composicións máis coñecidas da escritora do Rexurdimento.

A proposta entregóuselle por escrito a Beatriz Bascoy, quen se comprometeu a celebrar un 24 de febreiro “que dará máis traballo, pero hai que cumprir co que nos manda a rapazada”, ao tempo que solicitou a colaboración do CEIP San Ramón na organización dos actos. Antes de finalizar o pleno unha representante do alumnado entregoulle á vicepresidenta do CLIA un sobre pechado onde ían gardadas varias demandas que serán tratadas no próximo encontro do Grupo de Participación Infantil.

O pleno extraordinario celebrado esta mañá non será a única acción con motivo do Día Internacional da Infancia protagonizada polos nenos e nenas de Moeche. De feito, este mesmo venres o Grupo de Participación Infantil acudirá a unha sesión especial no Parlamento de Galicia á que tamén está convidada a cativería dos CLIAs do resto de municipios galegos co distintivo “Amigo da Infancia”. Alí presentarase o manifesto suscrito recentemente en Castrelo de Miño polos 9 consellos infantís que hai nestes momentos en Galicia. O texto reflexiona sobre a Convención sobre os dereitos do Neno e fai un chamamento ao seu cumprimento efectivo por parte da sociedade e das intitucións. Xa no mes de decembro -o día 11- a alcaldesa e dúas representantes do Consello Local da Infancia e a Adolescencia, Leticia e Emily, reuniranse coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, no marco dun foro organizado polo seu departamento para dar a coñecer o traballo que desenvolven os CLIAs e os Grupos de Participación Infantil integrados dentro deles.