O pleno extraordinario do pasado 16 de novembro serviu, entre outras cousas, para darlle o visto e prace a unha modificación de créditos por valor de 75.781,49€ cos que se levarán adiante dous grandes proxectos de reparación da rede viaria municipal. A operación -que nada ten que ver con solicitar un préstamo- consistiu en incorporar esa contía ao orzamento deste ano, procedente de parte do superávit municipal co que pechou o exercicio de 2016. O caso é que con eses cartos se vai contratar o amaño de nove pistas repartidas por distintos puntos do territorio. O Concello ten xa listos os deseños técnicos e proximamente publicarase a licitación dos contratos, que se sumarán a outros xa incluidos e executados en programas doutras administracións -principalmente o POS+ provincial- elevando o investimento no capítulo de vías desta anualidade a máis de 230.000 euros.

A intención municipal é contratar e executar os traballos o antes posible co obxectivo de ter listas as pistas, como moi tarde, nos primeiros meses de 2018. Os traballos que se levarán a cabo son comúns en todas as estradas: a limpeza do firme e das cunetas, o tapado de buratos e fochancas onde sexa necesario e, como remate, o reasfaltado de toda a capa de rodadura para garantir unha boa adherencia, comodidade na marcha e, en último caso, máis seguridade para o tráfico rodado e peonil.

O primeiro paquete de obras está cuantificado en algo máis de 40.000 euros e suporá a restauración dunha superficie de 6.000 m² de cinco pistas municipais. En concreto as do camiño de Vilariño e a da igrexa, en Abade, e outras tres en Labacengos: a de Vilapedre, o camiño de Loira á Veiga e o camiño da estación a Cerdido.

O segundo grande proxecto, cifrado en 35.724 euros, reparará as pistas da Rega e dos Loureiros, en San Xurxo, así como o camiño de Seoane Vello e a pista do Vilar, en San Xoán, que suman preto de 7.000 m² de firme.

O investimento necesario sae directamente das arcas municipais e complementa deste xeito programas como o Plan de Obras e Servizos – Plan Único de Concellos da Deputación. “A modificación de créditos permítenos incorporar ao apartado de investimentos de 2017 cartos que sobraron do orzamento do ano pasado. Decidimos destinalos a este plan extraordinario porque consideramos que era unha prioridade para todo o territorio e porque queremos deixar listos entre finais de 2017 e principios de 2018 o maior número de quilómetros posibles”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Segundo a rexedora local o nivel de investimento en mellora das estradas municipais “ascendería nesta anualidade a 230.349,49 euros”.

Iso si, a licitación dos dous contratos aínda deberá agardar a que se publique no BOP o acordo adoptado no pleno sobre a modificación orzamentaria, que permanecerá en exposición pública durante 15 días antes da súa aprobación definitiva se non hai alegacións. Estes prazos situarían a contratación das obras, “sendo optimistas”, para os últimos días de decembro ou a primeira metade de xaneiro.

Declaración institucional do 25N
Na sesión plenaria do pasado 16 de novembro a corporación tamén lle deu o visto e prace por unanimidade á declaración institucional proposta polo equipo de goberno co gallo do Día Internacional da violencia contra da muller.

O texto íntegro lerase este sábado a partir das 12.30h. nun acto ao que están convocados tanto os dous grupos políticos con representación municipal como a representación das entidades sociais do territorio, a quen se lles entregarán camisetas da campaña “En negro contra as violencias” na que Moeche participa xunto con outros 74 concellos galegos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.