O Goberno do Estado está desenvolvendo desde 2016 o Programa Único de Banda Larga, co obxectivo de levar Internet de alta velocidade a lugares que non dispoñen de boa conexión, principalmente nas áreas rurais. O procedemento que se segue é o de convocar axudas anuais coas que financiarlles ás operadoras un despregamento que doutro xeito nunca chegaría a lugares pouco habitados ou dispersos.  Como referencia tómase un mapa de coberturas deficientes ao que os concellos puideron facer achegas, como foi o caso do de Moeche. Neste sentido, na última adxudicación  feita polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital aparece que na convocatoria de 2022 se ampliará a cobertura de banda larga en 69 puntos de Moeche, de cara a que en 2024 tanto a veciñanza como as empresas desas zonas dispoñan dunha velocidade de, como mínimo, 300 Megabits por segundo e posibilidade de que chegue a 1Gbps.

A implantación de Internet de alta velocidade está facéndose aos poucos, de ano en ano, por medio dun plan estatal que na convocatoria de 2022 destinará 244,61 millóns de euros a axudas directas ás operadoras para compensarlles os sobrecustes de levar un servizo tan necesario a zonas que neste momento ou ben non dispoñen del ou ben está por debaixo dos 30 megabits por segundo.

A finalidade do programa, acelerado coa chegada dos Fondos Next Generation, é que para o 2025 o 100% da poboación teña posibilidade de conectarse, como pouco, a 300 Megabits (non MegaBytes) simétricos por segundo, utilizando Redes de Nova Xeneración como son a fibra óptica ou o 5G.

Na resolución do reparto das axudas apúntase que con elas se aspira a mellorar a conectividade de 728.534 fogares e empresas, das que algo máis de 596.000 se encontran nas denominadas “zonas brancas” sen cobertura ou cun acceso excesivamente pobre. A Galicia destinaranse 51,95 millóns e, en teoría, daráselle un servizo de calidade a 137.177 vivendas e negocios.

Tanto as cifras do reparto de fondos como as do número de fogares potencialmente beneficiados saen dos estudos de cobertura elaborados polo Ministerio, pero tamén das solicitudes cursadas polos concellos. Moeche é unha das Administracións locais que solicitou a inclusión de distintos lugares nos sucesivos plans de despregamento que veñen convocándose nos últimos anos. “Dun tempo a esta parte vimos comunicándolle ao Estado as zonas que sabemos que non teñen un internet de calidade para que as incorporen aos plans de mellora”, explica Beatriz Bascoy.

A rexedora recorda que dentro do Programa Único “xa se dotou de fibra óptica o núcleo de San Ramón e o eixo da estrada de Ortigueira” e que as peticións presentadas polo Concello tamén foron recollidas na convocatoria de 2021 e na de 2022 que acaba de resolverse. “A extensión da banda larga polo noso territorio estase facendo pouco a pouco e solapándose os programas dun ano con outro, posto que as empresas teñen dous anos para facer o traballo, polo que é difícil facer un seguimento de en que punto se encontra neste momento. A feferencia que temos son os mapas e listados de coberturas publicados polo Ministerio e o que nos vai comentando a veciñanza. Tamén sabemos que na convocatoria de 2022 entraron 69 novas zonas de Moeche, que se todo vai sobre o previsto deberían ter conexión ultrarrápida en 2024 como moi tarde”.

Para facerse unha idea de como está avanzando -ou como debería avanzar- a ampliación da banda larga por Moeche pode accederse aos seguintes mapas, onde aparecen sinalados os lugares incluídos nas convocatorias ministeriais de 2020, 2021 e 2022.

Mapa de zonas brancas/grises (*) e previsión de coberturas (Convocatoria 2020)
Mapa de zonas brancas e previsión de coberturas (Convocatoria 2021)
Mapa de zonas brancas/grises e previsión de coberturas (Convocatoria 2022)

(*) Zonas brancas é unha definición normativa que se refire a aquelas zonas do territorio que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación por parte dalgunha operadora no prazo de 3 anos, en base a plans de investimento cribles. Zonas grises son aquelas que só dispoñen de cobertura de banda larga de nova xeración ou de previsións para a súa dotación no prazo de 3 anos por parte dunha única operadora.