O Boletín Oficial do Estado publicou hai uns días as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas á xeración e mantemento do emprego nos concellos incluídos en zonas de Transición Xusta, como é o caso de Moeche por encontrarse no ámbito comarcal afectado polo peche da central térmica das Pontes. Así, as bases definidas na Orde TED/1240/2022 regulan a concesión e os importes das axudas para proxectos empresariais que promovan a creación de emprego, mentres que as establecidas na Orde TED/1239/2022 se orientan, no mesmo sentido, a investimentos que axuden a xerar novos postos de traballo ou a conservar os existentes. No caso da liña para proxectos empresariais, o importe mínimo da iniciativa han de ser 100.000 euros e crearse 3 empregos. A liña para investimento requirirá destinar un mínimo de 30.000 euros a melloras, co compromiso de crear polo menos un posto de traballo ou conservar o emprego durante os tres anos seguintes. Para solicitar as axudas haberá que agardar a principios de ano e prestarlle atención ao BOE, onde se publicará a apertura do prazo para ambas convocatorias.
O obxectivo destas liñas de axudas -correspondentes ao período de programación 2022-2027 do Instituto para a Transición Xusta (ITJ)- é promover iniciativas concretas de investimento empresarial nas zonas afectadas pola transición enerxética. Con elas búscase xerar actividades económicas alternativas que incentiven a creación de postos de traballo, así como manter os empregos existentes que impulsen un novo desenvolvemento económico nestes territorios.
As axudas outorgadas por este instrumento estarán baseadas en dous compoñentes: o investimento realizado e a creación de emprego. Así mesmo, bonificarase a contratación de persoas rexistradas nas bolsas de traballo do ITJ, co obxectivo de promover a creación de emprego prioritario para traballadores e traballadoras afectadas polo peche de minas e centrais. Igualmente, bonificarase a creación de postos de traballo para mulleres, novas, maiores de 45 anos e persoas con discapacidade.
Para a adxudicación das axudas, valoraranse os beneficios ambientais e sociais dos proxectos, a súa capacidade de xeración de emprego, o seu efecto tractor sobre o territorio, a súa innovación e a súa localización en municipios afectados polo despoboamento, o reto demográfico e o peche de minas de carbón e centrais, como é o caso de Moeche e doutros municipios da comarca afectados polo cesamento da actividade na térmica das Pontes. As pequenas e medianas empresas tamén contarán con puntuación adicional.
O ITJ ten previsto dotar a primeira convocatoria con 50 millóns de euros -40 millóns para proxectos empresariais e 10 millóns para pequenos proxectos de investimento- destinados ao total dos 197 municipios do Estado incluídos nos 15 Convenios de Transición Xusta, un deles o referido á comarca das Pontes.
Considéranse proxectos empresariais aqueles que requiren un investimento mínimo de 100.000 euros e crean polo menos tres postos de traballo. Pola súa banda, os pequenos proxectos de investimento deberán investir un mínimo de 30.000 euros e comprometerse a manter o emprego durante os tres anos seguintes ou crear polo menos un posto de traballo para as novas iniciativas. Poderán acollerse a estas liñas as persoas físicas ou xurídicas privadas con personalidade xurídica (tamén as agrupacións integradas nelas), as comunidades de bens e as persoas traballadoras autónomas.
Os detalles de ambos programas -cuxas actuacións poderán estar iniciadas ata un ano antes das solicitudes- poden consultarse nas seguintes ligazóns do BOE. Porén, de momento non poden solicitarse, senón que haberá que agardar a que saian publicadas no boletín oficial as respectivas convocatorias cos prazos que rexeran en cada unha delas. O Concello informará nese momento a través da web ou das redes sociais.
- Orde TED/1240/2022,de 14 de decembro, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas a proxectos empresariais xeradores de emprego
- Orde TED/1239/2022, de 14 de decembro, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas a pequenos proxectos de investimento
Últimos comentarios