“Tivo Galicia reis antes que Castela leis”. O dito, coma calquera frase da sabedoría popular, garda en si mesmo unha realidade que non se adoita estudar nas escolas malia estar contrastada pola historiografía. E é que un dos primeiros reinos de Europa -seguramente o primeiro- foi o reino suevo de Gallaecia, fundado no século V, que abranguía a metade noroeste da península, desde o Texo ata parte da cornixa cantábrica. O que descoñecemos son os símbolos que empregaban aqueles reis para se identificaren. De feito, hai que agardar até o século XI para atopar constancia do primeiro escudo dun monarca galego e avanzar dous séculos máis para intuír o que hoxe é o a nosa insignia, ou alomenos o primeiro exemplo dun símbolo do Reino de Galicia, que aínda cambiaría varias veces nos seguintes 600 anos. De todo iso falou o sábado o experto da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo na que foi a primeira actividade incluída no programa Castelo de Sons. Un evento que abriu a alcaldesa, Beatriz Bascoy, adiantando que a partir da primavera a fortaleza lucirá o estandarte correspondente á súa época de maior relevancia histórica.

O primeiro símbolo real do que se ten constancia documental é o do león, animal forte e afouto que adoptou como propio o rei Afonso VII aló polo século XI. O animal sería empregado tamén polo seu fillo Fernando II e polo neto, Afonso VIII (Alfonso IX), quen reinou entre 1188 e 1230 sobre Galicia e sobre León -que vén do latín legio, lexión, non do animal- nunha época de grande esplendor cultural, social e económico. O león era o “logo” real, aínda que non o dos reinos. É dicir, o estandarte identificaba a coroa como exhibición de poder e selo distintivo, pero non era unha bandeira dun territorio determinado. De feito, cando Fernando III consegue facerse cos reinos de Castela, León e Galicia, as divisións territoriais permanecen, pero o seu escudo pasa ser un resume das coroas que atesoura: o león por Galicia e León e as torres por Castela.

Pero, vaiamos ao caso. A cousa é que naquel tempo por Europa adiante deseñábanse os chamados armoriais, que viñan sendo un catálogo de todos os escudos de armas coñecidos. E entre eles está o Segar’s Roll, datado no século XIII, onde aparece o escudo de “España” -co león e as torres- e tamén o de Galicia mostrando tres cálices sobre fondo azul. Crese que o deseño, feito en Inglaterra, é unha interpretación libre que responde a unha asociación fonética entre as palabras galicia e cáliz e, sexa como for, nunca foi empregado por ningún rei de aquí nin tampouco era representativo de ningún territorio, alomenos naquel primeiro momento.

Porén, o símbolo do cáliz sobre fondo azul foi evolucionando e empezou a ser aceptado como identificador dun país, que acabaría importándoo, segundo se cre, por vía marítima. Viveiro e Betanzos -portos de referencia no comercio co resto do continente- plasman na pedra e ben á vista cadanseu escudo con cinco copas aló polo século XV. Andando o tempo, entre o 1500 e o 1600 os cálices pasan ser copóns e o fondo azul énchese primeiro con trevos e logo con cruces. De feito, na serie de gravados das “Pompas fúnebres do empreador Carlos V”, obra dos irmáns Doetecum, aparecen cabaleiros portando a bandeira con esa aparencia.

Na época da Contrarreforma -séculos XVII e XVIII- o poder da Igrexa muda o copón e convérteo nun relicario. A partir do século XVIII volverá o copón e máis adiante o cáliz, ata quedar co escudo actual do cáliz, a hostia e as sete cruces sobre fondo azul, que data de 1972.

O investigador Alexandre Peres relatou todo este proceso na primeira sesión do Castelo de Sons 2018, a través dunha charla ben entretida na que destacou a orixe non relixiosa do escudo e o feito de que non nacese aquí, senón que se trate “dunha interpretación que se fixo fóra e que nós acollemos como símbolo identitario, como algo que nos representa. Ningún rei  tivo ese escudo, ningún rei o usou, senón que foi unha convención, unha interpretación que nos identifica como país.”. Peres laiouse ao remate da charla de que en Galicia non se ensine nas escolas a historia do escudo. “Ningún libro do ensino galego toca este tema. Algo que, se non é intencionado, parece que o é”.

Na mesma liña tamén se pronunciou Beatriz Bascoy durante a presentación do acto, sinalando que a xestión dos gobernos municipais non se debe limitar unicamente a “poñer farolas e asfaltar pistas”, senón que tamén deben “contribuír ao coñecemento da nosa historia”. Bascoy adiantou, en relación co asunto da charla, que a partir da primavera ou o verán do 2019 “ondeará no castelo o estandarte do Reino de Galicia” e que para iso se encargará unha copia do deseño dos séculos XV e XVI -o copón con fondo azul sementado de cruces-, por tratarse da época en que a fortaleza desempeñou un papel destacado “na historia do reino de Galicia e na memoria colectiva do pobo galego”. Durante o outono e o inverno a bandeira mostrarase no centro de interpretación das Revoltas Irmandiñas acompañado dun texto explicativo escrito polo propio Peres.

Este sábado, segunda sesión do Castelo de Sons
E seguindo co ciclo cultural, o sábado ás 19.30h. toca a actuación de Tres Pesos. José Antonio Ferreira, Felisa Segade e Estevo Lamas fan música de raíz actualizada, tal e como reflicte o seu primeiro traballo, titulado “Acta fundacional”. O disco composto por nove temas supón unha verdadeira acta fundacional dunha formación que bota a andar como trío tralo paso dos seus compoñentes por outras agrupacións do país, sempre vencelladas á música e á cultura tradicional.

As entradas, a 2€ como prezo xeral. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as titulares do Carné Xove só terán que pagar 1€. Os billetes, como é habitual, poden collerse directamente no castelo, aínda que ao ser o aforo limitado se recomenda retiralos por semana pasando polo Concello ou reservalos chamando en horario de mañá de luns a venres ao 981 404 006.