A distribución de fondos do plan de Obras e Servizos, POS+ e do Plan complementario proposta polo Goberno municipal no Pleno resultou aprobada o pasado venres en sesión extraordinaria por unanimidade. No POS+2021 a Moeche correspóndenlle 232.690,87, dos que 27.659,84 son de préstamo provincial que o Concello non utilizará por non ter débeda bancaria. O Goberno local dedicará a gastos correntes – luz,auga, lixo, etc- un total de 96.428,14€, e 122.256,80 a obras de pavimentación e nova iluminación en zonas recreativas. Por outra banda, no caso do Plan complementario que o ente provincial dotará de fondos procedentes dos seus remanentes, Moeche optou por incorporar catro proxectos valorados en 216.118,47 euros, que se centrarán en ampliación da rede de auga ata os Acivros e Casatellada, no acondicionamento do entorno do polideportivo,a instalación de sistemas de aforro na rede de auga e a rehabilitación da nave do polbo no recinto feiral. Entre Plan complementario e POS+ Moeche poderá xestionar máis de 430.000,00 euros. A asignación destes fondos saíu adiante este ano por unanimidade, a diferenza das últimas ocasións nas que os investimentos do POS en Moeche só obtiñan os votos favorables do grupo do BNG.
Os concellos da provincia da Coruña deben ratificar en pleno a súa participación nos programas provinciais e aprobar os proxectos cos que cubrir os importes reservados nas distintas liñas que convoca a Deputación provincial no marco do POS+. Estas liñas son catro: unha parte para pagamento a provedores, outra para financiamento de gasto corrente, outra para financiamento de investimentos -que se sufraga con achegas directas do ente provincial- e unha cuarta para reducir débeda -se existise- que podería financiarse cun préstamo sen xuros e con cómodos prazos de carencia e de devolución.
O Goberno local de Moeche obviou acollerse á liña de pagamento a provedores, posto que o consistorio mantén os pagamentos ao día e, ademais, tampouco solicitará a liña de crédito provincial, xa que non existen débedas bancarias que o xustifiquen.
Por este motivo, o Executivo local optou por dedicar boa parte do total da achega directa ao sostemento económico de servizos básicos como son o gasto en iluminación pública ou os custes da recollida de lixo e do abastecemento domiciliario de auga potable. Neste capítulo van 96.428,14€,
Para investimentos reserváronse 122.256,80 € dirixidos a tres proxectos de obras. Dous deles xa se integraran parcialmente no POS complementario do pasado ano, pero a situación sanitaria obrigou á Deputación a deixalos sen financiamento para orientar os fondos a un plan extraordinario -o POS COVID 2020- para apoiar os gastos sociais dos concellos, especialmente a contratación de persoal para axuda domiciliaria a maiores e dependentes. De feito, neste 2021 tamén se xerou un novo plan a través do POS+ Adicional 1/2021 que terá un contido eminentemente social. No caso de Moeche a achega sitúase nos 70.406,86€ que o Concello suplementará con recursos propios até os 110.000 euros co obxectivo de reforzar, entre outros apartados, o SAF, os servizos de conciliación e educativos e tamén o apoio ás persoas e familias con menos recursos.
Volvendo ao asunto das obras, os proxectos definidos son os seguintes:
- Mellora da iluminación da Área recreativa e pistas deportiva de Trieiro, cun investimento de 19.743,18€ financiado integramente pola Deputación
- Pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil, que está orzamentado en 56.548,19€. Desta contía a Deputación achega 48.859,71€ e o Concello 7.688,48€
- Pavimentación de camiños en Pradochao, San Xurxo, Ponte Sur e Vigo-, cuantificado en 45.965,00€. 40.000,00€ proceden do POS+ e os 5.965,00€ restantes cubriranse con fondos municipais.
Na distribución de fondos provinciais tamén hai que contar co que depara o Plan complementario, que a Deputación dotará economicamente ao longo do ano. A proposta do Goberno local aprobada en Pleno recolle catro proxectos por importe de 216.118,47€ que se destinarán a:
- A nova rede de abastecemento de auga entre O Loureiro e Os Acivros, cun investimento de 34.960,84€ . O obxecto principal desta actuación é darlle resposta a unha demanda veciñal e seguir estendendo a rede de abastecemento de auga municipal dende O Loureiro ata Os Acivros e Casatellada co fin de garantir o acceso á auga potable de subministración municipal.
- O acondicionamento de accesos a zona do polideportivo en San Ramón, cun investimento de 50.928,00€, que consistirá na pavimentación dos accesos e do entorno do pavillón con aglomerado, novas beirarrúas e novas drenaxes de pluviais.
- A mellora da nave do polbo no recinto feiral, cun investimento de 97.168,34€. O obxectivo neste caso é axeitar mellor a nave á actividade que se vén desenvolvendo nela. As obras propostas consisten en mellorar ou substituír os elementos de acabado – pavimentos, pinturas, carpinterías-, así como construír uns baños adaptados á normativa de accesibilidade e o necesario cambio do material de cuberta.
- Por último, dentro do Plan complementario, tamén se incluíu unha partida de 33.061,29€ para actuacións na rede municipal de abastecemento de auga que signifiquen un maior aforro e un mellor funcionamento do sistema.
O Plan complementario do POS+ é un programa que a Deputación obriga a solicitar coa previsión de financialo cos remanentes económicos de 2020 e que, polo tanto, varía no seu importe dependendo da consignación económica que faga finalmente o ente provincial.
Últimos comentarios