O Grupo de Participación Infantil reuniuse este sábado pola mañá na Casa do Concello para empezar a traballar como órgano executivo do Consello Local da Infancia e a Adolescencia -o CLIA- constituído en Moeche a principios do verán. Na práctica trátase dun grupo formado por 10 rapaces e rapazas de distintas idades que se encargarán de colleitar propostas entre a xente da súa idade para que despois o Concello estude como levalas a cabo. Ademais, este grupo tamén é o principal referente consultivo en cuestións que lles afectan directamente como colectivo. Na primeira xuntanza -para a que contaron con axuda da alcaldesa e da técnica de desenvolvemento local- elixiron quen ocupará a presidencia e a secretaría e xa se pronunciaron sobre varios asuntos, como a elección da pintura do peche da escola ou o seu compromiso de presentar unha programación de actividades para adolescentes.

O primeiro punto da orde do día incluía a elección dos cargos no grupo. A presidencia ocuparaa Elías Mera Lois, secundado na vicepresidencia por Eva Brañas López. O secretario elixido foi Carlos Bouza Novo e a vicesecretaría corresponderalle a Celtia Pedreira López. Os dez rapaces e rapazas reuniranse unha vez ao mes para tratar os asuntos dos que despois lle deberán render conta ao CLIA, que á súa vez deberá xuntarse en pleno alomenos dúas veces no ano. A función desta especie de grupo de goberno tamén é dinamizar a nenos, nenas e rapazada menor de 18 anos co obxectivo de que se impliquen na marcha do territorio propoñendo ideas ou expresando inquedanzas ás que se lles poida dar resposta con iniciativas e programas específicos.

Outro dos asuntos tratados foi o de decidir como pintar o peche perimetral do colexio público. Tras revisar as opcións facilitadas polo Concello, a decisión foi unánime decantándose polas cores do arco da vella. As razóns foron varias, pero pesou especialmente o toque alegre que lle conferirán a todo o recinto e tamén o seu significado a prol do respecto pola diversidade.

Nesta primeira sesión de traballo contaron con apoio da técnica municipal Raquel Novo e da propia alcaldesa, Beatriz Bascoy. “Acompañamos á cativería na súa primeira xuntanza para axudarlles a botar a andar, dándolles orientación e solventándolles dúbidas. Nós e o resto de membros adultos do CLIA estaremos aí para o que precisen, pero o grupo deberá funcionar por si mesmo, con autonomía. Cremos que ese é o camiño para que funcione, que se sosteña no tempo e que sexa un grupo co que se identifique toda a cativería e a mocidade de Moeche”.

No encontro celebrado na mañá do sábado, o Grupo de Participación Infantil tamén asumiu o compromiso de preparar unha relación de actividades dirixidas á adolescencia, como reforzo da programación municipal que nestes momentos está orientada maiormente a crianzas e a persoas adultas. Ademais tamén recibiron a encomenda de empezar a buscar o nome para unha das rúas do núcleo de San Ramón, indagando para iso na toponimia tradicional e na historia do municipio.

Entre os deberes para a próxima xuntanza -fixada para o último sábado de outubro- está, ademais, o de deseñar e elixir un logo para o Consello Local da Infancia e a Adolescencia. Ese día o grupo tamén deberá mostrar o seu parecer ao respecto dos distintos modelos de mobiliario de xogo que propoña a empresa adxudicataria do contrato licitado hai uns días polo Concello para dotar de novo equipamento o parque do CEIP San Ramón . Por último, o órgano executivo do CLIA centrarase a partir da semana que vén nos preparativos dos actos do día 20 de Novembro, Día Mundial da Infancia.

A constitución do CLIA e do Grupo de Participación Infantil forman parte das políticas de integración dos nenos e nenas na toma de decisións de carácter municipal que lles afectan directamente, xa sexan programas, infraestruturas ou calquera outra cuestión relacionada co desenvolvemento do territorio sobre a que teñan algo que dicir. Ambos órganos son, por outra banda, o principal argumento para conseguir o distintivo de Concello Amigo da Infancia que outorga a UNICEF.