Duns anos a esta parte, sobre todo trala pandemia, é habitual atopar en celebracións con moita afluencia de público os denominados “puntos violeta”. Trátase de espazos informativos arredor da igualdade  e a prevención das violencias machistas que tamén cumpren a función fundamental de acompañar ás persoas que  sexan vítimas durante o evento de agresións sexuais ou de calqura tipo de acoso por razón de xénero. Neste sentido, dentro do pacto comunitario O Lavadoiro, os grupos de mulleres facilitadoras e de homes aliados están recibindo formación coa finalidade de deseñaren un protocolo de actuación específico para os puntos violeta ou, mellor dito, unha guía para lograr que as festas sexan máis seguras neste aspecto.

Da parte formativa encárgase a Cooperativa Arabías, quen xa titorizou durante 2022 a posta en marcha do Lavadoiro. Co asesoramento da cooperativa analizáronse os obxectivos, as funcións, os protocolos de actuación e os recursos cos que debe contar un punto violeta, ademais de achegar propostas sobre como proceder en caso de agresións sexistas e, principalmente, como acompañar e arroupar ás vítimas. Neste sentido, durante as sesións desenvolvidas en días pasados tamén se remarcou a función informativa e preventiva do punto violeta como lugar que cumpra unha función dinamizadora e divulgativa, dispoñendo con esa finalidade de todo tipo de materiais e mesmo organizando actividades de seu que complementen ás do evento principal.

O grupo de facilitadoras e aliados do pacto comunitario O Lavadoiro  está  ultimando o protocolo xeral cun ollo posto no calendario. E é que a intención do grupo de traballo é que todos os procedementos e recomendacións se poidan incluír xa no plan de seguridade e emerxencias do XXVIII Festival do Río Castro que se celebrará na parroquia sadurniñesa de Naraío o próximo 1 de xullo. O protocolo, xunto co asesoramento dos grupos do Lavadoiro, estará dispoñible posteriormente para comisións de festas e entidades organizadoras doutros grandes eventos, como poden ser o Festival Irmandiño, o San Pipote e outros.

Unha iniciativa aberta á participación veciñal
O Lavadoiro é un programa de abordaxe da violencia machista compartido polos concellos de Moeche e San Sadurniño en colaboración coa Área de Igualdade da Deputación da Coruña.

O proxecto xurdiu o ano pasado como unha proposta de intervención integral no contexto rural concibida como un espazo no que a veciñanza se poida implicar de maneira activa compartindo información, coñecemento e aprendizaxes para a prevención, a formación e a sensibilización en materia de violencia de xénero.

Neste sentido, o Lavadoiro está formado por un grupo de mulleres facilitadoras creado para detectar o maltrato e facer o labor fundamental de acompañamento das vítimas para que poidan saír desa situación, e tamén por un grupo de homes comprometidos co apostolado dun novo modelo de masculinidade que axude a desterrar o machismo e o heteropatriarcado que aínda se respira na sociedade.

Ademais, no proxecto tamén está implicado o persoal técnico e político dos concellos -cargos electos, axentes de Igualdade, SAF, Servizo de Educación familiar e Servizos Sociais- co obxectivo de apoiar a rede veciñal á hora de levar á práctica este enfoque pioneiro na abordaxe das violencias que sofren moitas mulleres e as súas fillas e fillos.

Calquera persoa que queira entrar formar parte do grupo de mulleres facilitadoras ou no de homes aliados, pode contactar cos departamentos de Igualdade ou Servizos Sociais de Moeche e San Sadurniño. Tamén pode falar directamente con calquera das persoas participantes, enviar un correo a lavadoiromoesan@gmail.com ou cubrir este formulario de Google Docs.